A deputada socialista por Pontevedra, Leticia Gallego, mantivo esta mañá unha xuntanza co alcalde de Nigrán, Juan González, e co seu concelleiro de Urbanismo, Diego García, para avaliar as necesidades do municipio. Gallego criticou a “falla de investimentos” da Xunta de Galicia no Concello de Nigrán, onde o goberno galego “non fai nada, ao igual que ocorre noutros municipios que están gobernados por alcaldes do PSdeG”.
Así, a responsable socialista lamentou que nos orzamentos da Xunta de 2021 “non se recollan as demandas deste municipio, que o PSdeG levou nas súas emendas territoriais aos orzamentos”.

Neste senso, a socialista pediu á Xunta a reparación do emisario submariño da EDAR, unha reclamación “urxente” e “feita xa nas contas de 2020”, xa que a infraestrutura “verte auga depurada a menos de 200 metros de praia América”, o que podería supór “un risco para a saúde pública”, se houbese unha avaría na EDAR.
Doutra banda, Gallego solicitou ao goberno galego que dote de novas berarrúas á estrada PO-552 ao seu paso por Priegue e A Ramallosa, xa que as actuais están “destrozadas” e son “inaccesibles”, o que supón “un grande problema” para persoas con mobilidade reducida ou para aqueles que transiten cun cocheciño de bebé.
Por último, a deputada avanzou que o Grupo Socialista levará ao Parlamento galego estes dous asuntos, a través da presentación dunha batería de iniciativas, xa que “non é de recibo a inacción da Xunta” coas demandas da veciñanza de Nigrán.