O PP de Nigrán presentará no próximo pleno unha moción para que o Goberno municipal desenvolva un plan de transporte integral para o Concello de Nigrán, acordado coa veciñanza.
Os populares lembran que recentemente o Goberno municipal consignou 320.000 € para a adquisición dun mini-bus eléctrico para prestar un servizo de mobilidade no Concello, argumentando que é mais rendible que realizar un convenio con algunha empresa de transporte de viaxeiros. Segundo o portavoz do PP de Nigrán, Carlos Abal, despois dunha análise económica a 10 anos vista, “tendo en conta os custos de mantemento, consumo eléctrico, seguros, baterías, e persoal asignado o resultado é un custo medio anual de aproximadamente 91.000 €”.
O PP de Nigrán considera que o máis adecuado é realizar “un estudo de todas as opcións posibles” facendo participes diso aos colectivos veciñais e sociais implicados, así como os técnicos municipais, expertos na materia e representantes políticos, “co obxectivo de atopar a mellor solución posible para conseguir un modelo de mobilidade sostible”.
Logo de “analizar alternativas e revisando a experiencia doutros concellos”, os populares consideran que unha opción posible sería, por unha banda, combinar un servizo de autobús orientado a cubrir os horarios de escolares de secundaria e de entrada e saída do traballo dentro do municipio, servizo como o que está a funcionar nestes momentos nalgún Concello de características similares en canto a tamaño e dispersión que Nigrán e por outra un servizo de taxi compartido de luns a venres , subvencionado parcialmente polo Concello, a un custo de 2 € por parte do usuario e cun limite de 2 viaxes ao día. “Estes servizos poderían ser gratuítos para familias vulnerables, este servizo está a funcionar en Concellos de todo tamaño en España, con resultados moi positivos”, afirma o PP.
A maiores a iniciativa animaría aos taxistas “a substituír os vehículos actuais por híbridos ou eléctricos subvencionando a súa compra, co que se reducirá a pegada de carbono”. Esta opción “tería, como máximo, un custo anual de 56.000€, cantidade perfectamente asumible polo orzamento municipal”, afirma o PP polo que esperan que o Goberno local “considere a nosa proposta e se poida levar adiante coa colaboración cidadá”.