O festival Vive Nigrán completa o seu cartel da sexta edición cos concertos do galego GRANDE AMORE e as sesións DJ de COOL NENAS e EME DJ, que se engaden a artistas xa confirmados como RIGOBERTA BANDINI, IVÁN FERREIRO, LA BIEN QUERIDA, NIÑA POLACA, COLECTIVO DA SILVA, KARAVANA ou o Concerto Vibra Mahou de CARIÑO. Un festival con programación para todas as idades, que volve a Monte Lourido, nesta edición co público de pé, e nunha contorna privilexiada xunto a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán. Á programación desta edición súmase unha xornada extra, Vive Nigrán [+] co concerto de MIGUEL RÍOS & THE BLACK BETTY TRIO, na que será unha cita imperdible cunha lenda viva da música española.
O galego Grande Amore incorpórase á programación do venres 15 de xullo do festival. O alter ego do mozo Nuno Pico presentará o seu primeiro disco, con sons electrónicos e industriais, pinceladas ás veces macarras e ás veces tenras, pero sempre cheas de personalidade.
Ademais, os andaluces Colectivo Da Silva coa súa mestura de estilo naif, festa e rebeldía pop, e Karavana, que traerán a Nigrán un directo cheo de enerxía, acompañarán a Iván Ferreiro na primeira xornada do festival. Iván Ferreiro repasará os éxitos da súa carreira con Piratas e en solitario, dentro dunha xira moi especial coa que volve este 2022 aos escenarios acompañado da súa banda habitual.
Cool Nenas pecharán a xornada do venres con temazos, baile e actitude; os ingredientes escollidos por Dani, Mariagrep e Kimberley Tell para para crear a festa perfecta.
O sábado 16 de xullo Rigoberta Bandini fará vibrar ao público de Nigrán con hits tan coreados como ‘Perra’, ‘ Too many drugs’, e ‘Ay mamá’, convertido en todo un himno.
Con millóns de escoitas e visualizacións dos seus temas, posicionouse como unha das artistas españolas con máis presenza a nivel internacional. A Rigoberta Bandini acompañarana La Bien Querida, cun concerto moi especial, acompañada dunha banda completa, e Niña Polaca, que nos trasladará ao Madrid dos oitenta a través das súas cancións pop con toques indie-rock.
O plan do sábado complétase co Concerto Vibra Mahou da banda de pop feminino Cariño, un sopro de aire fresco e descarado nun concerto incluído no abono do festival. Para pechar o festival, EME DJ, unha das DJ españolas cunha traxectoria máis recoñecida na escena indie-pop, fará bailar a todos os presentes en Monte Lourido.
Nesta edición, o festival engade unha xornada extra, o domingo 17 de xullo con Vive Nigrán [+], unha cita imprescindible para os amantes da música en español, que traerá ata Monte Lourido a Miguel Ríos & The Black Betty Trio, nun concerto co público sentado, que busca unir a varias xeracións que gozaron deste artista indiscutible. Os abonos e as entradas para venres e sábado e tamén para a xornada extra Vive Nigrán [+] do domingo están á venda en vivenigran.com e ataquilla.com.
Desde o seu nacemento, VIVE NIGRÁN é moito máis que música e busca a integración coa contorna e o patrimonio. E por iso, nesta edición volven as actividades complementarias con propostas para todos os públicos a través das accións de VIVE SOSTIBLE, VIVE PATRIMONIO, VIVE IGUALDADE E VIVE ACTIVO coa colaboración do Concello de Nigrán.
O festival contou nas súas pasadas edicións co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca ‘Rías Baixas Fest’ e da Xunta de Galicia, a través de ‘ FEST Galicia’, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis e Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros ao redor da música en directo.
VENRES 15 DE JULIO
- Iván Ferreiro
- Karavana
- Colectivo Da Silva
- Grande Amore
- Cool Nenas
SÁBADO 16 DE JULIO
- Rigoberta Bandini
- La Bien Querida
- Nena Polaca
- Concerto Vibra Mahou CARIÑO
- EME DJ
DOMINGO 17 DE JULIO | VIVE NIGRÁN [+]
- Miguel Ríos & The Black Betty Trío