Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Nigrán realiza, antes de Noiteboa, un novo reparto de alimentos entre 50 familias coa colaboración de Frutas Nieves

A empresa doou 80 piñas, 80 coliflores e 80 paquetes de uvas para contribuír cos produtos típicos destas datas, mentres que o Concello adquiriu 98 kg de xamón fresco e 50 polos e a concesionaria Cespa aportou cestas de Nadal

O Concello de Nigrán está a realizar, antes de Noiteboa, un novo reparto de alimentos entre 50 familias do municipio en situación de vulnerabilidade. Nesta ocasión, o Concello adquiriu no comercio local 98 kg xamón fresco e 90 polos que se sumán á doazón da empresa Frutas Nieves de 80 piñas, 80 coliflores e 80 paquetes de uvas. Adicionalmente, entregáronse 50 cestas de Nadal regaladas pola concesionaria de limpeza Cespa-Ferrovial e que conteñen doces típicos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…), latas de conserva, alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, legumes…) e produtos de limpeza do fogar e de hixiene persoal.

“Estamos moi agradecidos a Frutas Nieves polo seu xesto solidario e o seu compromiso con Nigrán. Quixeron colaborar coas familias desfavorecidas nestas datas tan especiais e desde o Concello suxerimos estes produtos típicos que non forman parte dos nosos repartos ordinarios”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que o Concello mantén os repartos habituais cada mes e colabora coa comida que desde a Tapería José (Prado) realizan altruístamente cada 25 de decembro para as persoas dependentes dos Servizos Sociais do consistorio.

Recollida de alimentos

Paralelamente, o Concello recomplilou entre a asociación de escolas de surf de Patos e os colexios do municipio preto dunha tonelada de alimentos non perecedoiros de todo tipo e que, en boa parte, serán repartidos xa nesta ocasión (concretamente os doces de Nadal). Ante a non programación de grandes eventos deportivos ou certames de corais debido ao protocolo sanitario, o Concello de Nigrán desenvolveu este ano a recollida de alimentos nos centros educativos para que, a súa vez, cumpra unha función educativa e de concienciación entre os pequenos. Así, nesta campaña participaron as escolas de Surf, o CEIP A Cruz, CPI Arquitecto Palacios, CEIP Carlos Casares, CEIP Humberto Juanes, CEIP Mallón e E.I. A Galiña Azul.

“O Concello de Nigrán ten un Banco de Alimentos Municipal e dispón de fondos para adquirir todos os produtos que fagan falla, estas iniciativas solidarias son de gran axuda pero se encadran máis nunha función de concienciación social moi necesaria”, explica o alcalde, quen engade que a crise económica que aparella o Covid-19 aumentou o número de usuarios dos Servizos Sociais e a previsión, desafortunadamente, é que a cifra siga medrando.

Banco de Xoguetes Municipal

Paralelamente, o Concello realizou xa a entrega de xoguetes ás familias con necesidade, téndose superado nesta campaña de recollida as mellores expectativas, ao punto de que o sobrante forma parte xa do primeiro Banco Municipal de Xoguetes operativo durante todo o ano tamén para os aniversarios dos cativos.