Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Nigrán e ‘Discamino’ volven a ofrecer un paseo en bicicleta aos maiores con enfermidades neurodexenerativas

Os usuarios do Centro Municipal para estas doenzas gozaron dunha saída con ciclos adaptados por todo o paseo de Praia América acompañados de familiares e alumnado do CEE de Panxón

Concello de Nigrán e a ONG ‘Discamino’ volveron aliarse na tarde de onte para ofrecer, por segunda vez, un paseo en bicicleta adaptada aos maiores do centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas, en Panxón. A decena de usuarios foi acompañada tamén en bicicleta polos seus familiares e alumnado do CEE de Panxón, ademais da edil de Maiores, Maria Mayán. O roteiro por todo o paseo marítimo de Praia América finalizou cunha merenda servida e elaborada polos mozos do CEE no propio centro á que asistíu o alcalde, Juan González.

“Esta imaxe é a esencia do que significa ‘Un Nigrán para todos’ e do que buscamos para o noso municipio”, resume o rexedor, quen agradece o traballo altruísta de ‘Discamino’ e aposta por estender o uso das 5 bicicletas adaptadas pertencentes ao  Concello de Nigrán a todas as persoas maiores, tal e como é habitual noutros países europeos polos múltiples beneficios que reporta e porque hai máis tradición de empregar este medio de transporte.

Concello e Discamino distribuíron os ciclos adaptados en función das capacidades físicas e mentais de cada un, desta forma, uns contribuíron ao pedaleo xunto á persoa voluntaria e outros foron en ciclos que xa non ofrecen esta posibilidade ao ser para grandes dependentes. “Estes paseos lles outorgan gran sensación de liberdade e de saúde física e mental porque grazas á bicicleta reviven recordos agradables da súa infancia ou xuventude”, explica María Mayán, edil de Maiores.