Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Nigrán e a Comunidades de Montes de Camos habilitan un miradoiro no Piricoto do Vilar

A infraestrutura de madeira permite unha visión panorámica de boa parte do Val Miñor, ofrecendo unhas vistas únicas da parroquia de Camos

O Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes de Camos veñen de habilitar un miradoiro no coñecido popularmente como o ‘Piricoto do Vilar’, no parque forestal a beira do coñecido como sendeiro das Medoñas que se inicia en Priegue, atravesa Camos e finaliza en Chandebrito. A infraestrutura de madeira de pino tratada para exterior (encargada a unha carpitentería do municipio e cun investimento de 3.000 €) mide uns 15 metros cadrados e se asenta sobre unha rocha xa frecuentada desde sempre pola veciñanza pola súa sorprendente panorámica de toda a comarca.

Desde ela pódese divisar a parroquia de Camos desde unha perspectiva moi pouco coñecida, coa rúa San Roque e o Torreiro como eixos dunhas vistas que abarcan desde o extremo esquerdo con Chandebrito ata todo o litoral de Nigrán e Baiona á dereita.

“É unha panorámica impresionante, moi pouco coñecida, onde podemos ver Camos e todo o Val Miñor desde unha perspectiva única e case diría que inédita”, incide o alcalde, Juan González, quen encadra a iniciativa na súa aposta por promover “o encanto das parroquias do interior e os seus sendeiros forestais máxicos”.

“Seguimos co noso lema de ‘Nigrán, equilibrio natural’, onde mar e montaña se dan a man en perfecta harmonía”, destaca. “Incentivamos que a xente camiñe polos nosos montes e coñeza a nosa parroquia, é un xeito máis de por Camos en valor”, engade Gerargo Ferreira, presidente da Comunidade de Montes.