Venres, 2 Maio de 2025

O CEIP Humberto Juanes estreou a súa nova cociña

A nova concesionaria elabora xa desde aquí o menú que surte a este centro e tamén aos colexios de Mallón, Carlos Casares e Da Cruz

Crema parmentier, abadeixo salteado con verduras, iogur e pan. Con este menú estreou o luns a empresa concesionaria Aramark a cociña escolar municipal construída polo Concello de Nigrán no CEIP Humberto Juanes tras realizar un investimento de 373.878 € e loitar coa Xunta para que nos pregos de contratación figurase a obrigatoriedade de empregala e unha redistribución dos lotes para abarcar a todos os colexios públicos da localidade. O resultado é histórico, desde aquí xa se elaboran directamente os menús dos aproximadamente 500 comensais dos colexios CEIP da Cruz, Carlos Casares, Mallón e o propio Humberto Juanes (o CPI Arquitecto Palacios e CEE de Panxón xa dispoñían de cociña propia). Finaliza así un sistema de catering decadente no que as crianzas recibían a comida elaborada a centos de kilómetros.

“Como goberno estamos moi orgullosos deste logro, froito de anos de traballo conxunto coa comunidade educativa. Estamos investindo na saúde e o benestar dos nenos e nenas de Nigrán, e para iso precisamente estamos en política: para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, indica o alcalde, Juan González”, comenta o alcalde, Juan González. Para chegar ata este punto, a presión de máis dun ano de toda a comunidade educativa e do Concello traducíuse nuns novos plegos de concesión da Xunta que, ademais de recoñecer finalmente esta instalación como válida, redestribuíu os lotes para que a comida do CEIP Humberto Juanes, Mallón, Carlos Casares e Da Cruz (lote 21) se elaborase exclusivamente aquí. “O investimento pagou a pena porque doutro xeito, sen mobilizarnos xunto á comunidade educativa, nada tería cambiado: seguiría a cociñar un catering ubicado a centos de kilómetros, como ata agora”, resume González.

A nova concesionaria foi a gañadora de entre cinco empresas presentadas ao concurso público da Xunta, que partía dun prezo unitario de 5,83 + IVE. Así, descalificáronse as dúas que mellor oferta económica presentaran (4,45 € e 4,49 € respectivamente) ao considerar que realizaban unha baixa temeraria non xustificada e, finalmente, gañou Aramark cunha oferta de 4’77 €+IVE. Ademais, entre as cuestión que puntuaron favorablemente para esta empresa foi o compromiso de incluír produtos de tempada en todos os menús, que un 10% sexan ecolóxicos e que máis dun 50% dos proveedores sexan locais. “Transmitíronnos que a súa comida é sabrosa, variada, equilibrada e nutricionalmente idónea, así que aos nenos vailles gustar e van notar o cambio”, explica.

“As expectativas son altas e están comprometidos a cumprilas, a alimentación das crianzas de Nigrán non é un asunto menor, por iso levamos anos de loita coa Xunta ata conquerir este resultado”, indica o alcalde, Juan González, quen recoñece que “a situación que había era insostible”. “As queixas eran fragrantes e tiñamos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios, e non estabamos dispostos a que se discriminase ao alumnado da ensinanza pública dentro dun mesmo municipio”, destaca.