Venres, 2 Maio de 2025

O alcalde de Nigrán solicita á Xunta que empregue a cociña do CEIP Humberto Juanes

O alcalde de Nigrán, Juan A. González, participou no CIFP A Granxa de Ponteareas, no seminario europeo de ‘Foodlab Project’ sobre agricultura e consumo sostibles, para presentar o proxecto da cociña escolar municipal levado adiante polo goberno que representa. A cuestión servíu de exemplo de boas prácticas nestas xornadas que se desenvolven desde o martes e ata hoxe venres en diversos puntos da comarca de Louriña e á que tamén asiste mocidade e profesorado procedente de Portugal, Albania e Tunicia. 

“Seguimos agardando a que a Xunta comprometa na nova licitación a que sea obrigatorio para a empresa adxudicataria empregar estas instalacións”, explicou Juan González, quen defendeu que “a saúde dos nenos ten que estar por riba dos intereses privados”. “No CEE de Panxón cocíñase tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a E.I. ‘As Dunas’, constatándose que a calidade é moi superior á dos demais colexios que se nutren mediante o sistema de catering indirecto”, engade o rexedor.

Tal e como comentou, o Concello de Nigrán investíu nesta cociña construída no CEIP Humberto Juanes un total de 373.878 € e está xa lista para o seu emprego por parte do catering. “En marzo-abril a Xunta debería publicar os novos pregos de licitación e non poden obviar esta situación: queremos que desde o vindeiro curso o catering adxudicatario empregue estas instalacións para todos os centros educativos do municipio”, insiste González, xa que a infraestrutura, de 490 metros cadrados, dimensionouse para dar resposta a tódolos colexios de Nigrán (ten capacidade para abastecer ata 1.000 comensais, case o dobre que os usuarios actuais).

Tanto desde as comunidades educativas como desde o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos a cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.