Domingo, 4 Maio de 2025

Nigrán rehabilitará os vestiarios do campo de fútbol de Vilariño

O  Concello de Nigrán investirá 187.444 € na completa renovación dos vestiarios do campo de fútbol de Vilariño, con este obxectivo aprobou no derradeiro pleno a reserva dunha partida orzamentaria ao respecto. As actuais instalacións, situadas baixo o graderío, atópanse en estado calamitoso tras décadas sen remodelarse, ademais de non cumplir criterios de accesibilidade. O Concello ten xa o proxecto e a obra sairá a licitación nas próximas semanas.

“Era unha demanda lóxica do clube porque é certo que están totalmente obsoletos porque non se tocaron desde a súa construción e, polo tanto, non responden en absoluto as mínimas necesidades dos deportistas, ademais de non ser accesibles e ofrecer unha imaxe decadente”, explica o alcalde, Juan González.

Así, o proxecto do arquitecto Rodrigo Diez Fernández contempla a creación de dous novos vestiarios con capacidade para 20 usuarios, dous para árbitros, un aseo para discapacitados e, finalmente, un almacén. Ademais, axeitarase a entrada ao mesmo por medio dunha escaleira que dé á parte central do campo e tamén unha rampla no oeste da grada (actualmente non existe ningunha medida de accesibilidade).

Os novos vestiarios ocuparán unha superficie de 60 metros cadrados e constarán de aseos e duchas, o de árbitros (con aseo e ducha) 18 metros cadrados, o de minusválidos 4,5 metros cadrados e o almacén 24 metros cadrados.