Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán permite o acceso as súas prias ao baño “sempre que se cumpra cos requirimentos de seguridade”

O goberno local ubicará nos areais lonas informativas onde se apelará á cidadanía coa obrigatoriedade de manter a distancia de seguridade e todos os protocolos de hixiene

O Concello de Nigrán, coincidindo coa fase 2 da desescalada, permitirá o acceso aos seus areais este luns 25 de maio sempre que se cumpran os requerimentos sanitarios esixidos, tal e como especificará en diferentes lonas informativas a pé de praia.

“Estamos todavía en maio e sabemos que non haberá ningún problema de aglomeracións nesta data, sen embargo, facemos un chamamento á responsabilidade individual para que cumpran cos requerimentos establecidos”, indica o alcalde, Juan González, quen insiste en que desde o Concello de Nigrán non se ten pechado ningún plan específico para xullo e agosto. “Non se pode prever agora que medidas se establecerán en pleno verán, estaremos atentos a todas as indicacións sanitarias para adaptarnos ao que sexa preciso nese intre, non ten sentido adiantar nada agora, polo momento repetimos o noso lema: Paciencia, Cariño e Calma”, incide González, quen de entrada rexeita ideas como parcelar o areal ou controlar accesos mediante aplicacións.

“O ano pasado conseguimos que Praia América amencese sen nada de lixo da noite de San Xoan grazas a unha campaña que lanzamos, foi algo insólito no que poucos confiaban e que funcionou de marabilla, estamos seguros de que medidas dese tipo nos van a axudar á que nas nosas praias se manteñan os protocolos sanitarios, por experiencia, cremos na concienciación máis que na prohibición”.

Os requerimentos nos que se incidirá na campaña do Concello de cara a Fase 2 da desescalada nas praias son:

  • Non se permite acceder á praia con Covid-19 ou calquera síntoma compatible co mesmo ou situación de illamento preventivo.
  • Distancia de seguridade mínima de 2 metros.
  • Obxectos persoais e toallas deben permanecer no perímetro de seguridade dos dous metros establecidos, evitando contactos co resto de usuarios.
  • Non está permitido empregar as duchas, fontes, nin lavapés
  • Manter os códigos hixiénicos establecidos: tusir no cóbado ou nun pano de tirar e realizar unha hixiene de mans periódica.
  • O número máximo de persoas nun mesmo grupo será o que determine o BOE en cada fase