Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán participa por sexto ano consecutivo no “Proxecto Móllate polos Ríos” de Adega cunha limpeza matinal

Os voluntarios que desexen participar nesta xornada de concienciación deben inscribirse ata este domingo 20 no mail [email protected], organizándose grupos reducidos

O Concello de Nigrán súmase por sexto ano consecutivo o domingo 27 de setembro ao “Proxecto Móllate polos Ríos” coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrará no último curso do río Muíños, en Praia América (en anteriores edicións foi o Esteiro de A Foz ou a propia desembocadura deste río). Trátase da ‘XIII Limpeza Simultánea’ e terá lugar en ríos que atravesan medio cento de municipios de Galicia e sempre grazas ao labor de grupos de voluntarios, xa que se trata dunha iniciativa educativa que busca a concienciación social. Os interesados en participar deben inscribirse previamente ata o domingo 20 a través do mail [email protected] (indicando o nome, DNI e teléfono de contacto de todos os participantes) ou  no teléfono 986368734 de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e o domingo de 10:00 a 14:00. Os inscritos deberán presentarse ás 11:30 do domingo 27 de setembro na explanada de Praia América (onde a antiga escola de surf e o mercado multicultural). O Concello facilitará máscaras conmemorativas da xornada, bolsas e luvas,  recomendándose levar botas de auga. A xornada alongarase durante hora e media  aproximadamente finalizando cunha pequena merenda.

O Concello de Nigrán participa nesta xornada dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Dende entón, grazas o labor dunha vintena de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz e da propia desembocadura do río Muíños algo máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

“Este é un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos, ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, suliña o alcalde, Juan González.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.