Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán ofrece este xoves o documental da Deputación “Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra”

O Concello de Nigrán, en colaboración co Instituto de Estudios Miñoranos, ofrece este xoves 14 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o documental “Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra” como acto inicial da programación do ‘Mes da Memoria’ e na véspera do 85 aniversario dos tráxicos asasinatos de ‘A volta dos 9’, un dos peores episodios da represión franquista na comarca e que aparece neste traballo.

Precisamente, este documental é unha idea orixinal do Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra para dar a coñecer lugares e feitos relacionados con esta represión na provincia a través da música. Así, participan voces moi diversas que lembran ás vítimas a través da interpretación de cancións gravadas en lugares simbólicos, testemuñas da barbarie no tempo do medo: a Volta dos Nove, en Baiona; a antiga Escola Normal e o edificio da Deputación de Pontevedra; o cemiterio da Estrada; o pozo da Revolta, en Marín; a praia de Massó, en Cangas; a praia de Alcabre, en Vigo; a Volta da Moura, símbolo da resistencia do Baixo Miño; e a illa de San Simón, o gran símbolo da memoria e a solidariedade en Galicia, que debe volver ser, por sempre, a nosa Illa da Memoria.

A Historia escríbea quen vence, pero outras historias continuaron escribíndose tamén. Hoxe, coma quen acorda dun longo sono, volvemos a algúns dos lugares onde habitou o silencio, o medo, a perda e poboámolos de música, cancións e palabras. Unha emocionante viaxe á memoria da man do poeta e narrador Lois Pérez e da cantora Uxía, que reúne algunhas das voces máis representativas de Galicia para ilustrar historias de loita e dignidade.