Venres, 2 Maio de 2025

Nigrán obtén un avance de cara a aprobación provisional do PXOM

Paso trascendental no futuro urbanístico de Nigrán: o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Nigrán conta xa oficialmente con todos os informes sectoriais favorables, cuestión indispensable de cara a súa aprobación provisional. Este avance prodúcese ao recibir o Concello o 26 de Xaneiro a comunicación positiva da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) despois de case 3 anos negociando para poder suprimir definitivamente do documento o vial de alta capacidade A Xunqueira-Saiáns que toda a corporación rexeitara xa no 2013 (ano da súa aprobación inicial) e que desde a Xunta consideraban necesario. Este documento definitivo será presentado en todas as parroquias e pendurado na web municipal a partir de marzo para que toda a veciñanza interesada o poda consultar antes de ir a Pleno.

“Tras case 3 anos de reunións técnicas e políticas ao fin obtemos a resposta favorable da AXI que abre a porta de cara a aprobación provisional”, valora o alcalde, Juan González, quen defende “a cautela e consenso” entre as dúas administracións para “non vender promesas nin fume” ata obter o que hoxe xa é unha realidade: o informe positivo. Para acadar este punto, o propio rexedor recoñece que foron preciso “moitas horas e moito esforzo por parte do equipo redactor e dos técnicos municipais para xustificar ante a AXI a viabilidade de suprimir o vial A Xunqueira-Saiáns sen comprometer a mobilidade futura no municipio”. Así,   Alfonso Botana e o seu estudo foron quen de avalar técnicamente esta posición, o que incluíu deixar plasmado no documento a vertebración da mobilidade interna dos diferentes SAU (‘Suelo Urbanizable’). “Tiñamos claro que o vial tiña que desaparecer para sempre do PXOM porque era innecesario, irreal e tronchaba Nigrán en dúas partes prexudicando a milleiros de veciños”, resume González, quen agradece neste sentido “a boa vontade da AXI, que finalmente aceptou este argumento tras demostrarlle técnicamente que resultaba innecesario”.

Unha vez pechada a fase máis complicada do plan urbanístico, a de dispor xa de todos os informes favorables (Patrimonio, Augas de Galicia, Costas do Estado e de Galicia, Portos, Medio Ambiente…), o equipo redactor liderado por Alfonso Botana presentará nas vindeiras semanas ante a Xunta un único documento refundido coa proposta definitiva de PXOM  e o ‘Estudo Ambiental Estratéxico’, cuestións ás que a Xunta debe responder nun prazo máximo de 3 meses coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia. “Con todos os informes positivos a resposta a este informe de sostibilidade será favorable e, a partir de aí, poderemos levalo a un Pleno para a súa Aprobación Provisional”, explica o rexedor, quen incide en que será “en canto se reciba resposta por parte da Xunta, sen máis demora por parte do Concello, o que permite ser moi optimistas”. “Dependerá se a Xunta responde nun mes, dous ou tres, por iso prefiro ser prudente e non dar datas concretas pero, ao fin, Nigrán contará moi pronto cun plan urbanístico do século XXI, sendo un dos poucos concellos de Galicia en dispor del”, engade González.