O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), arrancou esta semana un “escape room” de igualdade e prevención da violencia de xénero pioneiro en Galicia que rotará por todos os seus centros educativos ata o 7 de maio (está destinado a 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO). Este tipo de xogo mental en equipo foi deseñado ex-profeso para o municipio pola empresa especializada Territorio Comanche, sendo a primeira vez que se emprega na comunidade un ‘escape room’ profesionalizado para este fin coeducativo.
Ada Lovelace (matemática e primeira programadora informática), Valentina Tereshkova (primeira muller cosmonauta), Isabel Zendal (primeira enfermeira de historia en misión humanitaria), Ella Fitzgerald (cantante de Jazz), Nefertiti (reina exipcia), Mata Hari (espía durante a Primeira Guerra Mundial), Agata Christie (escritora) e Maruja Mallo (pintora surrealista pertencente á Xeración do 27) son as grandes protagonistas neste xogo creado para Nigrán.
Un “escape room” educativo é unha técnica de xogo que consiste en enfrontar ao alumnado a unha situación imaxinaria de encerro. Estes organízanse en grupos de catro ou cinco participantes, dispoñendo cada equipo dunha caixa co material necesario para realizar as diferentes probas e obter a súa ‘liberación’. A actividade recrea un entorno cheo de pistas, crebacabezas, enigmas… que van resolvendo co seu enxeño e a informacións suministrada durante o xogo (un audio cunha voz en off está soando en bucle durante a proba).

“Trátase dun tipo de xogo moi popular entre a mocidade e que os engancha desde o principio. É moi interesante porque por unha banda aprenden a traballar en equipo e, por outra, visibiliza a mulleres senlleiras na Historia. Desta forma, mesturando a parte informativa e a dimensión lúdica, os contidos chegan máis ao alumnado”, explicou a concelleira de Igualdade, Patricia Diego, durante unha visita esta mañá ao IES Val Miñor xunto co alcalde, Juan González.
En total, o Concello ofrecerá 19 sesións en sete centros cunha duración de 50 minutos (comezaron onte e rematarán o 7 de maio no CEIP Humberto Juanes). A iniciativa será financiada a través dos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.