Xoves, 1 Maio de 2025

Nigrán establece un servizo técnico para informar sobre o PXOM

O goberno de Nigrán remata o luns 25 en San Pedro a presentación parroquia a parroquia tras un mes con centos de asistentes a cada reunión

O Concello de Nigrán establecerá desde o luns 25 de setembro ao venres 6 de outubro un servizo específico de atención a persoas interesadas en coñecer detalles concretos do documento previo do PXOM que se proporá para aprobación provisional. Este estará atendido polo propio arquitecto municipal e dous técnicos do departamento de 17:00 a 20:00 horas nas dependencias de Urbanismo mediante cita previa no 986383288 de 9:00 a 13:00 horas. O obxectivo é que todo aquel veciño/a que non puidera acudir ás reunións que desde inicios de mes o Concello está a facer en cada parroquia poida resolver as súas dúbidas de xeito certeiro acudindo aquí (onte foi o turno de Priegue con centos de asistentes no local do Torreiro, mañá xoves en Parada ás 20:30 e o luns 25 finalízanse as 7 parroquias ás 20:30 horas en San Pedro, no local de La Unión). Igualmente, e tamén en aras da máxima transparencia, o Concello ten pendurado o documento desde xullo na web municipal (portada> www.nigran.org).

“Foi unha das demandas que se nos plantexou nestes encontros por parroquias e pareceunos moi pertinente establecelo para que a veciñanza reciba información de primeira man sobre o documento ao tempo que desconxestionamos o departamento de Urbanismo durante ás mañás”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que “se ampliará no tempo se seguise existindo demanda pasadas as dúas semanas”.

Igualmente, e co obxectivo tamén de outorgalle a máxima transparencia, este mesmo documento será presentado nun Consello Sectorial que se convocará en outubro, órgano este que se reuníu por última vez no 2018 para abordar a proposta de modificación número 25 das Normas Subsidiarias (NNSS) que rexen o planeamento urbanístico do municipio dende 1991.

Desde inicios de ano, todos os informes sectoriais son favorables e, como seguinte e derradeiro paso, o Concello enviou o 5 de maio á Xunta o ‘Estudo Ambiental Estratéxico’, trámite final para a súa aprobación provisional e que debe ter resposta nun prazo máximo de 3 meses, estimándose que se produza de xeito inminente e que sexa positiva ao dispor de todos os informes favorables.

“É unha enorme tranquilidade e unha satisfacción ter rematados todos os ‘deberes’ do PXOM por parte do Concello. Moi pronto Nigrán contará cun plan urbanístico do século XXI que a maioría dos municipios aínda non teñen, isto é grazas á colaboración e sintonía destes anos coa AXI e os demáis organismos implicados”, finaliza González.