Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán destinará fondos propios para o plan de rescate destinado ao sector pesqueiro, de hospedaxe e de rendemento deportivo

O goberno de Nigrán aprobará no pleno ordinario de hoxe luns 27 de setembro un cuarto plan de rescate municipal por importe de 50.000 € destinado nesta ocasión ao sector pesqueiro, de hospedaxe e de rendemento deportivo da localidade con axudas de 1.200 € para os empresarios e 750 € para a tripulación de barcos. Esta partida orzamentaria fora plantexada dentro da Liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra co obxectivo de paliar os efectos económicos do Covid-19 naqueles sectores que determinase cada localidade, pero o ente provincial comunicou a inicios de mes (06.09.21) que o sector pesqueiro non pode ser incluído nestas axudas, polo que o Concello o asumirá con fondos propios e plantexará nas vindeiras semanas outra alternativa á Deputación. Deste xeito, este novo plan contempla aos mariñeiros (patróns e tripulantes), hospedaxe (hostais, pensións, hoteis, campings…) e deportivo (ximnasios, centros deportivos ou empresas de deportes).

O Concello de Nigrán suma xa anterioremente 240.000 € en fondos propios aprobados en tres liñas de axudas directas compatibles entre si para suavizar os efectos da crise económica na hostalaría e no taxi e agora engade estes 50.000 € para estes novos sectores.

“Anteriormente centrámonos na hostalaría e no taxi por ser estes sectores especialmente prexudicados cos sucesivos peches e limitacións sanitarias, agora queremos chegar a estes outros porque tamén se viron moi afectados, gustaríanos ter resolto antes estas bases pero este tipo de trámites administrativos resultaron máis complexos do previsto” , recoñece o alcalde, Juan González, quen destaca ao sector do mar “como o máis tradicional no municipio e moi dependente da hostalaría”. “Non se entende a nosa localidade sen a súa Historia e a súa cultura mariñeira, por iso queremos protexelo especialmente con este plan que previamente consultamos coa Confraría”, destaca. Igualmente, o Concello traballa xa nun quinto plan de rescate que si teña encaixe dentro da Liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Mariñeiros de Panxón. Ani Pérez ©

Nesta convocatoria contémplanse axudas de 1.200 € para empresarios destes tres sectores empadroados no municipio ou simplemente con negocio no municipio (inclúe patróns nigraneses de barcos con base en Nigrán ou Baiona, autónomo principal e colaborador ou empresarios integrantes dunha mesma empresa) e 750 € para tripulantes de embarcacións con base en Nigrán ou Baiona e empadroados en Nigrán (estes últimos sempre e cando non reciban axudas ou prestacións doutra administración, nos demáis casos son compatibles).

Como nos demais plans de rescate municipais, son axudas con concorrencia non competitiva, é dicir, concéndense sucesivamente ata esgotarse os fondos, puidendo o Concello amplialos en caso de non chegar a todas as solicitudes.