Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán controlará, mediante gardas de seguridade nos cemiterios municipais, o correcto desenvolvemento do Día de Defuntos

O Concello instalará nas entradas dispensadores de xel hidroalcohólico a pedal e cartelería coas normas específicas establecidas para ese día, no caso dos cemiterios privados, a comunidade de propietarios pode solicitalo esta semana ao Concello

O Concello de Nigrán contratará gardas de seguridade para que controlen o correcto desenvolvemento do Día de Defuntos nos seus cemiterios municipais (Parada e Nigrán) e establecerá medidas adicionais para que a xornada transcurra con normalidade. O obxectivo é evitar calquera probabilidade de transmisión da enfermidade nun día no que, tradicionalmente, se establecen moitos contactos sociais e con gran carga sentimental para as familias.

“Velaremos porque se cumpran as medidas extraordinarias ditadas pola Consellería de Sanidade para este día e, ao mesmo tempo, facemos un chamamento á veciñanza para que esparexe as visitas entre toda esta semana co fin de evitar grandes concentracións o domingo”, sinala o alcalde, Juan González. O Concello elaborou cartelería específica con este protocolo da Xunta e a instalará na entrada dos cemiterios, entre as normas figura non acudir grupos de visita de máis de 4 convivintes e permanecer un máximo de 30 minutos (ao marxe continúan vixentes o resto de medidas xerais). Igualmente, o Concello dotará de dispensadores de xel hidroalcohólico a pedal as entradas dos dous cemiterios municipais (as comunidades de propietarios dos camposantos privados poden solicitar estes aparellos e a cartelería específica co protocolo a [email protected] antes deste venres).

Como cada ano, o consistorio adornará para a ocasión con flores de tempada os dous camposantos. Ademais, o Cemiterio Municipal de Nigrán (San Fiz) abrirá este día coas obras de ampliación de 20 novos nichos recén rematadas. O Concello investíu preto de 50.000 € na construción de novas sepulturas, aseos accesibles e almacén.