Domingo, 23 Marzo de 2025

Nigrán construirá unha cociña para todos os colexios do municipio

O Concello de Nigrán cifra en 373.878 € o investimento para habilitar unha cociña que tería a capacidade de abastecer máis de 570 servizos diarios, tendo actualmente asignados os colexios de Nigrán 561 usuarios

O Concello de Nigrán aprobou esta mañá en Xunta de Goberno o proxecto para modernizar a cociña e o comedor do Humberto Juanes co obxectivo de que poida dar servizo a tódolos colexios públicos do municipio que o soliciten. O goberno vincula a realización da instalación, cun custe de 373.878 euros con cargo aos fondos municipais, a que a Xunta saque a concurso a contratación do servizo de xestión utilizando esta cociña como a única habilitada.

O proxecto realizado polo estudio nigranés Aintegra contempla unha cociña suficientemente dimensionada para dar resposta a tódolos centros educativos de Nigrán que así o desexen (o CPI Arquitecto Palacios e A Galiña Azul son os únicos que dispoñen de cociña propia), así, tería capacidade para abastecer a máis de 570 usuarios, tendo os colexios de Nigrán actualmente 561 comensais asignados.

“Loxicamente, non podemos emprender as obras sen ter a total e completa seguridade de que a Consellería de Educación habilitará esta cociña como a instalación na que obrigatoriamente elabore o menú a empresa adxudicataria, trátase dun investimento importante por parte do Concello e queremos unha garantía ou compromiso de que a adxudicación do servizo será con esa condicionante”, insiste o alcalde, Juan González.

Esta cuestión xa fora formulada polo Concello en cumprimento dos acordos plenarios do 28.02.19 e 1.04.19 sen que a Xunta se pronunciase aínda. “A demanda partiu do CEIP Humberto Juanes pero é unha cuestión de xustiza, equidade e igualdade de oportunidades que beneficie a tódolos colexios públicos do municipio, con este fin se dimensionou o proxecto”, incide González.

Nesta mesmo sentido, o rexedor insiste en que é imprescindible tamén que a Xunta respecte os contratos do persoal actual e sexan subrogados, xa que en moitos casos levan máis dunha década traballando nos diferentes comedores. “Trátase de persoal que ven desenvolvendo a súa labor con gran profesionalidade durante todo este tempo e este cambio non debería significar a perda do seu emprego, sería totalmente inxusto”, razoa.

Prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local

Tanto dente a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.

Esta nova cociña ocuparía 490 metros cadrados dunha zona de almacén e de aulas actualmente sen uso e que conta cunha distribución moi pouco funcional, xa que a cociña do centro carece das instalacións e equipamento mínimo necesario para poder facer a comida, non existen cámaras nin almacén de alimentos. Así, o proxecto plantexado a dota dun equipamento acorde ás demandas actuais e renova e moderniza as instalacións de fontanería, saneamento, electricidade, renovación do aire e seguridade contra-incendios. A nova distribución contará con zona específica onde irán as novas cociñas, cámaras frigoríficas e almacéns ou zona de lavado e lixo.