Domingo, 4 Maio de 2025

Nigrán colabora co Centro Cultural ‘Bolos da Carrasca’ na súa semana cultural

O Concello de Nigrán colabora co Centro Cultural e Deportivo ‘Bolos da Carrasca’ para organizar a súa ‘XXVII Semana Cultural’ que arranca mañá martes e que ten o seu día grande o venres 12 de agosto coa festa dos ovos con chourizo, evento gastronómico que se recupera tras dous anos sen celebrarse debido ao Covid. Ese día, a partir das 21:30 horas, preto de 25 persoas da entidade estarán a traballar para poder ofrecer 1.500 racións nunha praza da Carrasca totalmente cuberta por paraugas de cores grazas á colaboración de Juan Alves.

A semana cultural arranca mañá coa escola LDanzia ás 21:30 horas, continúa o mércores á mesma hora con ‘Airiños do Mar de Teis’ e o coro ‘Ecos do Castelo’ e o xoves co ‘Día do Neno’ a partir das 17:30 horas con hinchables, contacontos, globoflexia, pintacaras… Xa o venres será a festa dos ‘Ovos con Chourizo’ coa actuación do grupo de gaitas ‘Cores do Sobreiro’.