O Concello de Nigrán anuncia o aprazamento dos tres concertos de Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro este venres e sábado ao 27 e 28 de agosto ante a previsión actual de choiva. As entradas son válidas para as sesións equivalentes nas novas datas sen necesidade de facer nada, puidéndose igualmente solicitar ata o 18 de agosto a devolución dos cartos a través de Ataquilla indicando o correo electrónico desde o que se fixo a compra e o número de referencia dos tickets. Deste xeito, as sesións trasládanse para o venres 27 de agosto ás 19:00 horas (equiparable ao concerto das 20:00 do venres 6) e ao sábado 28 ás 11:00 e ás 19:00, correspondéndose estes dous coa sesión matinal ou verspertina que estaba prevista este 7 de agosto. En caso de que vaian quedando entradas libres (estaban todas esgotadas) irán saíndo á venda a través de Ataquilla.
O gaiteiro internacional, que debutou o ano pasado neste marabilloso escenario natural de Monteferro tamén con ‘sold out’ en sendas citas de ‘Lugares Máxicos’ e pese tamén a un aprazamento debido á choiva, ofrece agora estas tres actuacións en dous días que se encadran na xira conmemorativa do 25 aniversario de ‘A irmandade das estrelas.
“Carlos Núñez e o miradoiro de Monteferro forman unha simbiose insuperable e por iso preferimos aprazalo, é unha sorte contar co mellor gaiteiro do mundo no que consideramos o mellor escenario do mundo para conmemorar un disco que mudou a Historia da nosa música”, incide o alcalde, Juan González.

“O concerto de Monteferro foi a sorpresa do verán pasado para todos nós. Os artistas e o público sentimos dende a primeira nota que estabamos a vivir unha experiencia única. Como unha peregrinación musical a un paraíso frente ao mar, na que fixemos amizades que viñan de todas partes. E como unha gran familia, prometimos facer tradición e reencontrarnos un ano despois”, explica o propio gaiteiro, quen recoñece que “Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, na intimidade, só para min e para a natureza. Porque ten un dos solpores mais impresionantes do mundo. A diferencia cos de lugares como Bahía, Rio de Janeiro, ou California é que, mentres que alí a xente aplaude como se o sol e a terra ofrecesen un show, nós cecais sentimos ese intre como unha cerimonia. Según os nosos arqueólogos, os antigos habitantes de Monteferro e dos castros da costa de Galicia xa sabían moito de todas estas cousas”, sinala o gaiteiro, quen levará a súa xira a lugares entre outros como o Dolmen de Menga (Málaga), os Xardins da Atalaya en Jerez, a Ciudadela de Jaca, a Quincena Musical Donostiarra ou a Clausura do 50 aniversario do Festival Interceltico de Lorient.
Co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa contorna.