Mércores, 7 Maio de 2025

Nigrán achega unha subvención ao CEE Juan María para construir un ximnasio

O Concello de Nigrán achegou 20.000 € e agora entregará outros 20.000 € á Asociación ‘Esperanza do Val Miñor’, responsable do CEE Juan María de Parada, para construír e dotar ao centro dun ximnasio propio desde este inicio de curso. O goberno local tomou esta decisión despois de que o colexio de educación especial investise o ano pasado 18.000 € en maquinaria deportiva que foi distribuída por diferentes salas do seu complexo educativo ao carecer dun espazo específico.

“Como creo que resulta evidente, este goberno é sensible a este tipo de demandas que comprenden a saúde das persoas que máis difícil o teñen. Cando nos transmitiron esta petición non dubidamos en tramitar esta subvención directa de 40.000 €; achegamos xa os primeiros 20.000 € e agora entregaremos outros 20.000 € ao ter xa rehabilitado máis do 50% do espazo”, explica o alcalde, Juan González.

Desde a ‘Asociación Esperanza do Val Miñor’ inciden no importante que resulta o exercicio físico para mellorar a calidade de vida dos seus usuarios, polo que consideran este ximnasio, que estará listo para o vindeiro curso, unha mellora fundamental no servizo educativo e ocupacional do centro.

O Concello de Nigrán colabora activamente co CEE Juan María financiando incluso programas como o de terapia canina a cargo dunha empresa especializada.