Sábado, 3 Maio de 2025

Máis de 200 escolares de Nigrán recibirán un bautismo de surf gratis

O Concello de Nigrán rematou o seu primeiro programa de bautismos de surf gratuítos dirixidos a escolares do municipio co fin de promover desde a infancia este deporte de gran raigame na localidade. A actividade permitíu que gozasen das ondas de Patos 230 nenos e nenas de Primaria (fundamentalmente quinto e sexto) dos colexios de Mallón, Humberto Juanes, Camos e Arquitecto Palacios. Iniciouse o mércores 13 de outubro e hoxe rematou con 41 rapaces de Mallón que, ademais, recibiron unha charla do deportista de surf adaptado Santiago de Lima.

Así, por vez primeira, desde o Concello ofreceuse a todos os centros públicos a posibilidade de que o alumnado recibise 2 horas de clases a cargo de profesores titulados grazas á colaboración das cinco escolas de surf do municipio. O programa incluíu seguro de accidentes e o transporte en autobús (o Concello ofreceu un vehículo a cada centro).

“O surf forma parte da esencia de Nigrán e por iso queremos achegalo aos nenos, o deporte é saúde e o surf ademais leva asociados uns valores medioambientais que hai que fomentar desde a infancia”, explica o alcalde, Juan González.

A cultura do deporte sobre as ondas está cada vez máis arraigada entre a cidadanía e conleva un xeito de vida ecolóxico, sano e sostible, por iso o Concello de Nigrán está a pechar o irmandamento oficial con Valdoviño, municipio coruñés co que comparte Historia común grazas precisamente ao surf. Este deporte supón tamén para Nigrán un importante revulsivo económico, o barrio de Patos en Panxón, coas praias da Cansadoura, o Pico de Patos e o propio areal de Patos, son o espazo de cinco escolas e, paralelamente, de negocios de hostalería e tendas temáticas. Ademais, supón un atractivo turístico durante todo o ano, especialmente no inverno, cando os bañistas desaparecen. Xusto durante eses meses celébranse campionatos locais, autonómicos, nacionais e internacionais xa recoñecidos e que reforzan esa imaxe de municipios sans, saudables, ecolóxicos e onde a natureza é a protagonistas.

En Valdoviño, o propio Oceano Surf Museo, único de España adicado a este deporte, recolle documentalmente (mediante fotos e vídeos cedidos) aos surfistas pioneiros en Galicia, que comezaron na praia de Patos atraídos polo aspecto natural e salvaxe deste areal e que pouco despois tamén chegaron a contorna de Ferrol.