Na mañá de onte, unha comisión xestora formada por representantes de OVALMI (a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor) e representantes dos hostaleiros do Val Miñor, mantiveron unha reunión co alcalde de Nigrán, Juan Gonzalez, de cara a transmitirlle as diferentes problemáticas ás que se enfronta o sector hostaleiro no seu concello.
Juan González, chegaba ao compromiso “de axudar en todo o posible e dentro da legalidade” ao seu sector. O Concello de Nigrán adiantou que manterá a bonificación da taxa das terrazas ao longo do ano 2021, así a implantación de medidas e campañas de axuda concretas para a hostalería. González salientou que en breve “abrirase o prazo para presentar as bonificacións no lixo e auga, tal e como anunciaba hai uns días”. Noutro sentido, o alcalde de Nigrán avanzou que a súa intención é fomentar o turismo e potencialo ao longo de todo o ano 2021, co fin de beneficiar á hostalería.

Horas máis tarde a reunión a mantiñan, no Concello de Baiona, co seu alcalde, Carlos Gómez, ao que tamén presentaron as súas demandas. Gómez mantívose na mesma liña que Juan González, apoiando e buscado medidas de axuda para a hostalería do seu municipio, considerando que a hostalería potencia o turismo, fonte de ingresos de gran número de negocios do Val Miñor. Ambos os alcaldes expresaron a súa intención de valorar cos seus técnicos a viabilidade de incluír axudas directas para a hostalería.
O vindeiro venres 27, a comisión xestora reunirase co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, esperando contar co seu apoio.
A Comisión Xestora que está a manter as reunións, saía dunha xuntanza que o pasado día 19 de novembro de 2020, tiña lugar no campo de fútbol de Monte Lourido (Praia América) na que participaban máis de medio cento de hostaleiros de todo o Val Miñor.
Desta reunión saíu a Comisión Xestora, formada por membros da xunta directiva de OVALMI e representantes dos hostaleiros dos tres concellos, encargada de dirixirse ás administracións públicas e outros organismos para solicitar axudas para o seu sector.
Reunidos nas oficinas da Asociación de empresarios e comerciantes do Val Miñor (OVALMI), o pasado martes 24 de novembro, a xestora mantiña o seu primeiro encontro coa Federación de Hostalería de Pontevedra (FEPROHOS).
Nesta reunión tratáronse temas tan importantes como os ERTE’s denegados polo SEPE a hostaleiros do Val Miñor, a escaseza de axudas a nivel autonómico a data de hoxe ou a implicación que deberían tomar os tres concellos do val, para poder axudar a un sector gravemente ferido.
É de recalcar que o peche da hostalería, non só afecta os empresarios hostaleiros, senón tamén aos seus traballadores, familias e todos aqueles provedores que traballan directamente con eles (adegas, cervexeiras, carnicerías, panaderías, etc.).