Venres, 2 Maio de 2025

Esquerda Unida de Nigrán insiste na convocatoria do Consello do PXOM tralo informe desfavorable da Axencia Galega de Infraestruturas

Entre outras cuestións, deberase xustificar o feito de non prever novas infraestruturas viarias ou o reforzo e mellora das existentes.

Esquerda Unida de Nigrán vén de dar a coñecer que, segundo a documentación á que tivo acceso, o pasado 14 de xullo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) informou desfavorablemente o PXOM de Nigrán, polo que deberá ser corrixido e sometido á Axencia novamente.

Segundo EU, no documento “débense revisar deficiencias que presenta a cartografía e a falta de sinalización de aliñacións de edificacións nos planos”. En relación aos novos viarios, o informe sinala que, tendo en conta o incremento dos ámbitos de uso residencial, “deberase xustificar o feito de non prever novas infraestruturas viarias ou o reforzo e mellora das existentes”. Tamén se sinala que no caso de non preverse ditas actuacións en materia de infraestruturas “deberá reformularse a superficie dos ámbitos de uso residencial xerados”.

Para o coordinador local de Esquerda Unida, José Cuevas, resulta estraño “que non se xustificara o feito de non prever novas infraestruturas viarias, xa que no cuarto trimestre do ano 2019 o Concello de Nigrán contratou adicionalmente á empresa redactora do PXOM a asistencia técnica para a análise das repercusións na mobilidade prevista no PXOM tras a eliminación do vial XUNQUEIRA-SAIANS. Este expediente, fiel á falta de transparencia que caracteriza a este goberno, é ocultado polo goberno municipal, incumprindo as leis de transparencia”.

Neste punto, engade EU, “constátase unha contradición na documentación do PXOM, xa que a execución do viario de conexión Balsa-Saians-Porto do Molle segue aparecendo no estudo económico”.

José Cuevas recorda que “xa pasaron mais de dous anos dende que se realizara unha nova cesión do contrato á empresa redactora e se anunciara que practicamente estaba feito cando se enviou a Patrimonio. Agora da a impresión que non se avanzou nada, pois a este informe desfavorable da AXI, únese o de Patrimonio, que debe ser remitido novamente para a súa avaliación, segundo o informe de decembro de 2019, do que se reportou previamente”.

Esquerda Unida lémbralle ao Goberno de Nigrán que o PXOM “é un tema demasiado serio para o futuro deste municipio, polo que non basta con sacarse fotografías mirando planos, sino que cumpre convocar o Consello Sectorial do PXOM de Nigrán para informar a toda a veciñanza e clarificar o estado actual de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal”.