O Concello de Nigrán empregará o rap e estilos afíns (trap, R’n’b, EDM, reggaton…) para sensibilizar entre a mocidade sobre as desigualdades de xénero e a violencia aparellada. Deste xeito, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) ofrece unha nova oportunidade para realizar gratuítamente durante o mes de outubro catro “Obradoiros de Rap e música urbana” a cargo da escola de música de Nigrán ‘Gain Over’, composta por artistas locais de bandas tan recoñecidas como Blue Monk. O prazo de inscrición permanece aberto ata o venres anterior ao inicio de cada curso e está dirixido a persoas con idades comprendidas entre os 11 e 18 anos, tendo prioridade os empadroados (no caso de vacantes poderán participar de outros municipios).
Os obradoiros están financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, realizándose no propio CIM (Estrada pola Vía, 65) nas seguintes datas: grupo 1, xoves 1 e 8 de outubro de 17:00 a 19:30 e sábados 3 e 10 de 10:00 a 12:00; grupo 2, venres 2 e 9 e sábados 3 e 10; grupo 3, xoves 15 e 22 e sábados 17 e 24; grupo 4, venres 16 e 23 e sábados 17 e 24. As persoas interesadas deberán remitir a folla de inscrición (poderá descargarse no Facebook Cim de Nigrán, Facebook OMIX Concello Nigrán, Instagram OMIX Nigrán ) acompañada da copia do DNI ao seguinte enderezo electrónico: [email protected].

“Cremos que, precisamente a través da música que a mocidade acostuma a escoitar e de músicos moi coñecidos en todo o Val Miñor, podemos chegar a eles máis facilmente con mensaxes que rachen cos estereotipos de xénero e que preveñan a violencia. Eles mesmos son os actores do cambio que queremos promover”, resume Patricia Diego, edil de Igualdade.
A través deste recurso pedagóxico innovador preténdese sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero e promover a crítica social ante esta violencia, sendo os obxectivos máis específicos que o alumnado aprenda a identificar tópicos sexistas, previr noivados abusivos e convertilos a eles mesmos en protagonistas do cambio. Durante o obradoiro gravarán e producirán un vídeo-clip musical con letra centrada neste contexto e que se distribuirá a través das redes sociais para achegar o proxecto a toda a poboación.
Para máis información os interesados poden telefonear ao CIM (986383081).