Venres, 2 Maio de 2025

A Mancomunidade do Val Miñor zanxa o problema da temperatura da piscina

A Mancomunidade do Val Miñor dá por zanxada a crise da temperatura da auga da piscina da Ramallosa tras acadar un acordo con Serviocio aceptado nunha Xunta de Portavoces ex-profeso. Así, a concesionaria elevará a temperatura a 28,5º tras aceptar finalmente unha modificación do contrato que obrigará a manter eses grados centígrados fronte ao parámetro vixente de entre 24º e 30º. A cambio, e como compensación económica para cumprir co aspecto do mantemento do equilibrio económico, a Mancomunidade lle condonará o cánon. A devandita modificación contractual será sometida a tramitación e aprobada en acordo plenario nas vindeiras semanas pero o acordo supón a condonación do cánon (12% da facturación) desde o mesmo momento en que se suba a temperatura (acción realizada o 23 de decembro) e ata o 25 de maio de 2023 que expira o contrato, estimántose a contía nuns 20.000 € (a razón de 4.000 €/mes).

“Agradezo  públicamente a todos os grupos políticos que participaron nesta negociación o apoio e lealdade coa Presidencia da Mancomunidade porque unidos fomos quen de arranxar un problema que era moi complexo e que estivo suxeito a moita demagoxia e manipulación”, explica Juan González, o alcalde de Nigrán e presidente actual da Mancomunidade, quen esta mañá  volveu a convocar a Xunta de Portavoces para darlle o visto bo á resolución tras decidir os mesmos o día 15 de Decembro dar os pasos cara a modificación contractual hoxe acatada pola empresa.

“Non era un problema fácil de solventar porque a temperatura de 25º cumpría co contrato vixente, neste sentido foi imprescindible tamén a axuda de Into Consulting para axudarnos a atopar unha saída ao problema que tivese toda a garantía xurídica”, engade González en referencia á empresa de Nigrán que, ademais, se está a ocupar de realizar a auditoría técnica, económica e laboral e unha memoria xustificativa e plego de prescripcións para a futura licitación, xa que a concesión non será prorrogada a Serviocio cando expire (maio de 2023).