Sábado, 3 Maio de 2025

A corporación de Nigrán respalda o dereito de autodeterminación do pobo saharaui

A unanimidade da corporación do Concello de Nigrán aprobou unha moción de urxencia do goberno local en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharaui e de rexeitamento da viraxe neste asunto de política exterior por parte do goberno de España, sendo  o primeiro municipio de Galicia en facelo.

“Somos un goberno que sempre pon por riba de todo as persoas e, obviamente, tamén o facemos neste caso. Non podemos abandonar aos saharauis por cuestións de interese xeopolítico, España ten un compromiso e unha débeda ineludible con eles. Confiamos en que o goberno reflexione e que escoite o sentimento de toda a cidadanía ao respecto”, defende Juan González, alcalde e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que ten pronunciado unha declaración institucional na mesma liña e que, precisamente, promove que os diferentes municipios de Galicia aproben esta mesma iniciativa.

Senda peonil en Parada

O Goberno de Nigrán aprobou en solitario o convenio coa Deputación de Pontevedra para ampliar e facer unha senda peonil desde A Areiña ao cemiterio de Parada por 973,023,40€ (acordo mediante o que a entidade provincial aportará o 70% do orzamento e o Concello o 30%). O Partido Popular non apoio a proposta ao considerar que “se trata de demasiado gasto porque solo afecta a 13 viviendas y no es una necesidad ni petición de los vecinos, ya que solo servirá para ir a misa o a un entierro”. Desde o goberno local, sen embargo, considérase esta iniciativa como “absolutamente necesaria para mellorar a seguridade peonil e incluso a calidade de vida da veciñanza”, polo que aposta por continuar nesta dirección e convertir os diferentes barrios do municipio “en espazos amigables e verdadeiramente feitos para o desfrute dos cidadáns” .

BONIFICACIÓN DO IBI

Así mesmo, o pleno aprobou por unanimidade a moción do goberno para considerar a seis entidades socio-culturais de interese ou utilidade municipal co que o concello de Nigrán bonificará nun 95% o IBI. Esta declaración permite que o imposto sexa rebaixado no vindeiro exercicio no máximo permitido por lei. A declaración beneficiará ao “CRC O Torreiro de Priegue”, a “Asociación Cultural As Angustias”, o “Centro Cultural y Deportivo Bolos da Carrasca”, a “A.V.A.C A Unión de San Pedro da Ramallosa”, “Asociación de Veciños A Camoesa” e “AVCD O Castro” de Chandebrito, todos eles colectivos que, doutro xeito, pagarían o 100 por cento. “Supón un aforro para eles de preto de 1.300 euros ao ano, unha cantidade moi cuantiosa se temos en conta que levan adiante un traballo fundamental de promoción da cultura e das relacións veciñais”, suliña o alcalde, Juan González, quen recalca que a contribución pública destas entidades á cultura ten sempre unha inequívoca función social, “polo que é de xustiza eximilas do 95% do IBI, máximo que nos permite a lei”.

Tanto a lei de Mecenado coma o Texto Refundido da Lei de Facendas Locais 2/2004 catalogan como exentos de IBI a aqueles inmobles que teñen como uso principal actividades de carácter público. Por elo, o goberno de Nigrán acordou no 2016 a modificación da ordenanza “para favorecer así a todas aquelas asociacións que perseguen o ben común e que axudan a complementar e dinamizar sempre a programación cultural feita dende o consistorio”. Estas circunstancias culturais danse nestes seis colectivos porque o suxeito pasivo está inscrito no rexistro de asociacións do municipio e o inmoble está a disposición do Concello.

Inventario de Viais

Igualmente, aprobouse tamén por unanimidade e xa definitivamente (en fase inicial foi no 2019), o inventario de viais públicos tras máis de 20 anos sen actualizarse, unha iniciativa do goberno local que conlevou anos de traballo dos técnicos de Urbanismo e que supuxo, ademais, rebautizar moitos camiños que non aparecían (ou que contiñan erros de nomenclatura) cos diferentes estudos de microtoponimia contradados desde o consistorio. “Na práctica, o feito de estar tan desfasado era un problema que en moitas ocasións desembocaba en conflitos urbanísticos relacionados con licenzas ou coa obtención de servizos públicos”, indica González.