Venres, 2 Maio de 2025

Punsetes volven por sorpresa ao Season Fest para celebrar o 5º aniversario

A organización do Season Fest vén de anunciar unha nova incorporación ao seu cartel, a banda madrileña de indie pop Los Punsetes. Esta é tan só unha das sorpresas que aínda quedan por desvelar e que irán completando a programación do festival que pechará o verán galego en Gondomar do 21 ao 24 de setembro.

Los Punsetes, cabeza de cartel do primeiro Season Fest, volven a Galicia para sumarse á celebración do 5º aniversario dun dos festivais máis atractivos do circuito musical galego. O banda presentará o seu último traballo en Gondomar, onde compartirá cartel con Iván Ferreiro, Xoel López, Triángulo de Amor Bizarro, a artista portuguesa Capicúa e grupos emerxentes do panorama indie de dentro e fóra de Galicia como Margarita Quebrada, Anabel Lee, Xenia, Firmado, Carlota, Lusillón, Aeronave adolescente, Visions of Johanna, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Tarde a todo e Señora DJ.

Programación por días e un par de escenarios

O Season Fest, a un mes da celebración do festival e a falta de pechar os horarios dos concertos, descobre a programación por días que queda da seguinte maneira: o venres 22, Los Punsetes, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Visions of Johanna e Señora DJ; o sábado 23, Aeronave adolescente, Xenia, Margarita Quebrada, Anabel Lee, Triángulo de Amor Bizarro, Iván Ferreiro, Xoel López, Señora DJ e Divergente DJ; e o domingo 24, Capicúa, Firmado Carlota, Lusillón, Tarde a todo e Divergente DJ. Todas as bandas repartiranse entre os escenarios Vibra Mahou e Fest Galicia. Ademais, a organización adianta que o xoves 21 realizarase a apertura do festival, cun concerto exclusivo de Pablo Novoa con convidados sorpresa.

Entradas e abonos á venda

O público que queira asistir ao Season Fest pode mercar xa o abono na súa web. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Season Fest cun 15% de desconto. As e os menores de 14 anos acceden de balde.

O festival contará unha vez mais co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo.