Martes, 13 Maio de 2025

O Concello de Gondomar pon en marcha unha campaña de Nadal de apoio ao comercio local

A campaña, financiada ao 100% polo Concello, repartirá entre os consumidores que fagan as súas compras no comercio de Gondomar ata de 3.000 euros en tickets-rasca de diferente valor económico (1, 3, 5 e 10 euros)

Baixo o lema “No Nadal, merca en Gondomar”, o goberno de Gondomar quere incentivar e poñer en marcha unha campaña de apoio e promoción do comercio do municipio co fin de potenciar as compras nel durante as datas do Nadal e así promover o desenvolvemento económico deste sector que, como outros, viuse seriamente afectado pola situación que está a vivir o país con motivo da pandemia.

“Non queremos deixar a ninguén atrás e é un traballo de todos, administracións e veciños, contribuír a que os nosos establecementos sigan vivos e como referente da nosa economía local”, manifesta o alcalde, Paco Ferreira, quen lembra as vantaxes que o pequeno comercio implica fronte a outras grandes superficies como é a “atención máis personalizada e adecuada ás necesidades de cada cidadán, garantindo a maior calidade e confianza”.

Desenvolverase entre os días 4 de dicembre e 7 de xaneiro do 2021, e nela poderán participar todos os comercios e negocios con establecemento físico en Gondomar. Os interesados en participar deberán inscribirse entre os días 1 e 9 de novembro, presentando a súa solicitude (dispoñible na páxina www.concellodegondomar.gal) no rexistro municipal ou a través da Sede electrónica.

“No Nadal, merca en Gondomar” potenciará indubidablemente o consumo en Gondomar. Os clientes que acudan aos establecementos participantes por cada compra superior a 20 euros recibiran no mesmo momento un “ ticket-rasca” que pode resultar premiado con 1, 3, 5 ou 10 euros e que deberán trocar no mesmo establecemento onde lles foi entregado, entre o 15 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2021, ”desta maneira a campaña non será só en período de nadal, senón que se alongase e incentivará o consumo local mais de tres meses”, concluíu o alcalde.