Sábado, 3 Maio de 2025

Máis de 150 aventureiros exploradores dispostos a descubrir todos os recunchos de Gondomar

A actividade, pensada principalmente para familias con nenos, ten como obxectivo dar a coñecer a contorna de Gondomar de forma amena e facilitando  unha  xornada de lecer e encontro familiar neste tempo de verán. A resposta a iniciativa foi moi satisfactoria porque en poucos días cubríronse as 150 prazas.

Todo  preparado para que este domingo 22 de agosto os equipos, que se dividirán nas categorías “Pequenos  Castores” – na que debe haber polo menos un menor de 12 anos- e a de “Exploradores” -integrantes maiores de 12 anos-, enfróntense aos retos que se lles exporán a partir das 10:30 pola organización. O punto de partida a Praza Paradela onde tras dar a coñecer as regras faráselles entrega dun mapa, que no caso dos máis pequenos irá acompañado dun tubo  portaobxetos “onde poderán gardar as  sorpresas que irán atopando en cada unha das balizas que deben localizar”.

Pertrechados  cun teléfono móbil, por se fose  necesaria a comunicación coa organización nalgún momento, roupa e calzado cómodo así como o avituallamento adecuado os participantes contarán con ata dúas horas e media para cubrir todo o percorrido, distintas fases nas que irán atopando balizas con pistas, tesouros ou mesmo probas que realizar e que lles permitirá ir sumando puntos.

Ademais do carácter deportivo deste roteiro turístico, sumarase o espírito  olímpico, aínda moi recente tras a clausura dos Xogos de  Tokyo e as medallas conseguidas polos galegos e galegas. Así que os concursantes deberán enfrontarse tamén a retos relacionados coas olimpiadas.

Todo preparado para Descubrir Gondomar andando ou correndo pero cun sorriso nos beizos e sen esquecer “o compoñente estratéxico, a toma de decisións, o traballo en equipo e a deportividade como claves para finalizar con éxito”.