Gondomar celebra o sábado 18 e o domingo 19 de xuño unha nova edición da sua tradicional Festa do Corpus. Centos de veciños e veciñas de tódalas idades levan semanas recolectando pétalos e follas para a confección das famosas alfombras florais.
Así o sábado 18 ás 17:30 horas os grupos alfombristas “Mulleres Rurais de Gondomar”, “O Millor de Cada Casa de Vincios”, o “Centro Cultural de Vincios”, o “Grupo de Gaiteiros Novos Aires de Couso”, a “Asociación San Vicente de Muñufe”, o Clube de Patinaxe de Gondomar” e o “Centro Cultural Veciñal de Peitieiros”, comezarán a debuxar e confeccionar as alfombras florais en diferentes rúas e prazas de Gondomar, traballo que durará toda a noite.
Para facer máis levadeiro este duro traballo e para animar os centos de persoas que de seguro se achegarán a presenzar os traballos, a partir das 21:30 h e ata as 23:30 horas o grupo musical “Noche de Ronda” realizará un percorrido polas diferentes alfombras.
Despois dunha noite que será longa, a mañá do 19 de xuño as rúas de Gondomar amencerán cheas de cór e decoradas con estas obras de arte efímero.
Ás 12:30 horas terá lugar a tradicional Misa do Corpus e posteriormente ás 13:15 horas a procesión, acompañada pola música da Banda da Agrupación Musical de Vincios, que pasará polas distintas alfombras.
O alcalde, Paco Ferreira, quixo agradecer “o gran traballo que fan as e os alfombristas, non so na noite do 18 senón durante semanas, ideando os deseños e recollendo e preparando as flores e plantas para poder facer unhas obras de arte como as que vamos a disfrutar en Gondomar”. O rexedor quixo aproveitar “para invitar a toda a xente de Gondomar, do Val Miñor e de toda a comarca a que se acheguen a a ver estas marabillosas alfombras que son recoñecidas como das mellores de toda Galicia”.