Sábado, 3 Maio de 2025

Gondomar renova a súa colaboración coa Asociación Española de loita Contra o Cancro

O goberno renovou o convenio de colaboración dotado con orzamento de 2000 euros

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Nuria Lameiro, renovaron a cooperación que manteñen coa Asociación Española de Loita Contra o Cancro (AECC). O rexedor subscribiu xunto ao presidente da delegación da organización en Gondomar, Jose Luis Chamorro, o convenio de colaboración anual, dotado cun orzamento de 2.000 euros.

A firma enmárcase dentro da política do goberno local de facilitar as ferramentas e medios posibles ás entidades de carácter social ou comunitario que coa súa actividade redundan en beneficio dos veciños e veciñas de Gondomar, “ao que, sen dúbida o concello ten que contribuír, porque son estas asociacións as que teñen contacto directo coas necesidades de moitas persoas”, manifestou o alcalde Paco Ferreira.

A colaboración coa delegación local de AECC en Gondomar é unha realidade como demostran as cifras facilitadas polos seus profesionais que, xunto á rede de voluntariado, entre os meses de xaneiro e agosto de 2020 realizaron un total de 123 intervencións no concello de Gondomar, prestando algúns dos seus programas ou servizos gratuítos como a atención psicolóxica, social, programas de prevención, voluntariado ou “infocáncer”.

Cabe destacar a cooperación establecida entre o Concello de Gondomar e a asociación durante o período de estado de alerta sanitaria entre os meses de marzo e xuño prestando o seu apoio, en colaboración cos Servizos Sociais do municipio, a aquelas persoas que sentían soas, desantendidas ou desinformadas prestando unha atención a través de servizos telemáticos e dixitais. Un servizo que se prestou non só a enfermos de cancro, se non tamén a persoas afectas pola Covid-19 ou que perderon un familiar durante ela.