Sábado, 3 Maio de 2025

Gondomar premia o consumo no comercio local

A campaña, promovida pola concellaría de Comercio, desenvolverase entre o 1 de decembro e o 6 de xaneiro, coincidindo coa campaña de Nadal. Como novidade, este ano non será precisa a inscrición previa por parte dos establecementos que se queiran sumar á campaña. Unicamente deberán entregar o ticket de compra aos clientes, que se queren entrar no sorteo deberán depositalo nunha caixa de correos que se habilitará con este fin na Praza Paradela.

Ao finalizar a campaña procederase a o sorteo de premios valorados ata 1000 euros, repartidos en cheques-regalo que se poderán trocar de novo no comercio local, “alongando o consumo máis aló da campaña das festas e fomentándoo durante todo o ano”.

“O comercio é un dos moitos sectores que se viron afectados pola pandemia e a recuperación económica que afrontamos despois. Desde o goberno local non nos esquecemos deles e seguimos promovendo actividades que sirvan para revitalizar as compras nestes establecementos e promocionalos como referentes non só agora nas festas, se non sempre”, apunta o alcalde Paco Ferreira.

A “No Nadal, merca en Gondomar”, sumaranse outras iniciativas que perseguen este mesmo obxectivo como será o I Concurso de Decoración de Nadal ou o xa tradicional “Mercado de Nadal”, reforzado polo amplo programa de actividades culturais que se desenvolverán durante o próximo mes.