Domingo, 4 Maio de 2025

Gondomar dota de WiFi gratuíto espazos e edificios públicos do municipio

O goberno local de Gondomar, que dirixe Paco Ferreira, investiu preto de 30.000 euros na instalación dunha decena de puntos de acceso á rede.

O centro urbano de Gondomar conta xa con dez puntos de acceso á rede  inalámbrica da internet facilitando así cobertura a diferentes espazos públicos e inmobles municipais e o acceso gratuíto a quen se atope na súa liña de alcance.

“Desde o noso goberno temos o compromiso firme de dotar a todo o concello das mellores comunicacións, un obxectivo no que seguimos traballando sen descanso” manifestou o alcalde, Paco Ferreira, quen entende positiva a subvención de 15.000 euros lograda dos fondos europeos para dotar de wifi gratis espazos moi frecuentados pola veciñanza.

Avánzase así na conectividade do municipio, obxectivo prioritario do programa europeo, facilitando o acceso a internet en espazos públicos que no caso de Gondomar serán os parques da Coelleira e As Cercas, a Biblioteca Municipal, a Praza Paradela e a Praza de  Escolas Vellas.