Sábado, 3 Maio de 2025

Gondomar aspira ao recoñecemento de 3 flores de honra por parte da Asociación “Vilas en flor”

Os membros do xurado recibiron as explicacións sobre a memoria desenvolvida para a ocasión, na que destaca a recente adquisición e limpeza da Casa Peralba, no concello de Gondomar, para destinar a usos sociais da veciñanza nun futuro. “Un investimento importante para o noso concello e que reverterá na mellora non só do seu aspecto se non tamén da calidade de vida dos nosos habitantes”, manifestou o rexedor Paco Ferreira.

Nesa mesma dirección a construción do novo parque canino-lúdico atendendo unha demanda social existente na maior parte das localidades como é a dotación de espazos para o uso e goce das mascotas, que neste caso completouse cun parque biosaudable. Suma Gondomar, en busca dese terceiro galardón, a mellora das zonas verdes coa inclusión de novas xardineiras ornamentais, como a que loce nas inmediacións do campo de fútbol de As Cercas.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, amosou a súa confianza en sumar este ano unha flor de honra máis de “Vilas en Flor” e reiterou o seu compromiso firme “de seguir traballando por facer de Gondomar unha localidade sostible e referente en materia de dinamización ambiental e paisaxística”.

O certame “Vilas en flor” está organizado pola Fundación Juan de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería, e esta é a terceira edición na que participa Gondomar que o pasado ano foi distinguido con dúas flores de honra por o “gran esforzo en dixitalizar as zonas verdes” e as boas actuacións non núcleo urbano.