Venres, 2 Maio de 2025

Gondomar acende o seu Nadal

Este sábado, 3 de decembro, Gondomar dá inicio ás múltiples actividades programadas para este Nadal.

Así, ás 12 da mañá, inaugurarase o que será unha das atraccións estrela deste Nadal na vila gondomareña, a Pista de Xeo natural que estará ubicada nunha carpa instalada na Pista Polideportiva A Feira (ao lado do pavillón de deportes) e que permanecerá aberta ata o día 8 e xaneiro.

Xa na xornada da tarde os actos arrincarán cun acto de celebración do día da discapacidade que baixo o título “Ser diferente é ser Existente” en colaboración con Centro Aprehendo Gondomar, terá lugar no Salón de Plenos (Casa da Cultura) ás 17:00 horas.

Ás 17:45 o alcalde acompañado do bispo da Diocese de Tui-Vigo, D. Luis Quniteiro Fiuza inaugurarán o Belen Artesanal en Movemento que este ano cambia de ubicación ao Centro Neural (Policía Local) aumentando as suas dimensións e número de elementos con respecto a anos anteriores.

Ás 18:30 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío, o Coro San Vicente de Mañufe ofrecerá un concerto gratuito.

Para rematar esta primeira xornada dunhas festas de nadal, que estarán cheas de actividades para todas as idades, dende a Praza da Paradela, ás 20:30 horas se procederá ao acto de acendido da iluminación decorativa de nadal, que este ano gaña en número de rúas e prazas iluminadas.

O Alcalde Paco Ferreira, destacou que “dende que cehgamos ao goberno, Gondomar xa é un referente nas festas de nadal, e que este ano fixemos un esforzo para que o sexa ainda máis, con máis actividades e cunha programación pensada para toda a familia”

O rexedor indicou que nos próximos días se presentará a programación completa para estas festas e convidou a toda a cidadanía a “desfrutar dunhas festas tan entrañables”.