Xoves, 15 Maio de 2025

As mulleres e a forma de entender o feminismo, cita teatral en Gondomar este sábado

O concello, a través da súa concellería de Cultura, segue a programar actividades para axudar ao sector e sempre cumprindo as normativa da Covid-19

O Auditorio Municipal Lois Tobío acolle o sábado 21, a partir das 20.00 horas, unha nova sesión de teatro, nesta ocasión a cargo da creación colectiva de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stefphy LLaryora: a obra “Feminíssimas”, dirixida por Xavier Castiñeira.

Sobre o escenario o encontro de tres amigas dende a adolescencia que se atopan despois de anos sen verse, reencontro no que expoñerán a súa forma de vivir o feminismo, que é moi diferente entre elas. Desta forma a compañía pretende, a través de grandes doses de humor, dar unha visión da maneira na que as mulleres conviven coa loita pola igualdade e os movementos feministas.

Trátase de lograr unha reflexión dende o propio humor descubrindo as incongruencias e sobre todo o espazo que separa a teoría da práctica diaria. Como resumen os seus protagonistas defínena como “unha comedia negra…moi violeta”.

As entradas poñeranse á venda no propio Auditorio Lois Tobío, unha hora antes da representación, e ata completar o aforo (30 persoas) que permite a normativa covid19 vixente actualmente.