Venres, 2 Maio de 2025

A Xunta mellora os comedores escolares de dous centros educativos de Gondomar

A Xunta de Galicia vén de reforzar as infraestruturas de comedor escolar en Gondomar cunha inxección de preto de 85.000€ para as obras de mellora destes espazos nos colexios Serra de Vincios e Plurilingüe Souto-Donas.

No caso do colexio CEIP Serra de Vincios, reformouse a antiga vivenda do conserxe así como outros espazos interiores para destinalos a instalacións de comedor escolar, o que absorbeu un orzamento de algo máis de 41.000 €. O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez, achegouse a este centro para comprobar o resultado das obras, que, na práctica, supoñen unha mellora do confort e da atención ao alumnado que goza deste servizo de xestión autonómica.

No colexio Plurilingüe Souto-Donas, a Consellería acondicionou un novo espazo para comedor de preto de 90 metros cadrados. Esta obra, á que se destinaron case 44.000 €, supuxo ordenar os espazos de sala de profesores e almacén.

Con estas dúas obras, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso con Gondomar en materia de educación, cunha importante mellora das instalacións escolares no que atinxe, neste caso concreto, ao servizo de comedor escolar. Cómpre lembrar que a Consellería de Educación xestiona o 100 % das prazas de comedor escolar deste concello, ás que no presente curso destina un orzamento de 341.000 euros. Isto blinda o servizo a 324 usuarios distribuídos en cinco centros educativos públicos, do que neste curso se fixo cargo a Xunta logo da renuncia por parte do concello.