Venres, 2 Maio de 2025

A tapería ‘Adechape’, gañadora do I Concurso de Tostas de Outono de Gondomar

O segundo premio recaeu sobre a xamonería 'Catro Camiños', mentres que 'Terra, uva e cebada' fíxose co terceiro

A tosta Mar e Terra de tapería ‘Adechape’, con 590,5 votos, proclamouse gañadora do I Concurso de Tostas de Outono de Gondomar, unha iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Comercio e Turismo, que dirixe Rocío Goberna, para promover a dinamización do sector e o consumo na hostalería local ante a difícil situación que vive como consecuencia da pandemia e as continuas restricións ás que se viu sometida.

A tosta gañadora, Mar e Terra, combinaba os produtos da terra cos de tempada mesturando – sobre unha rebanada de pan de centeo–, ventresca, piquillo, noces, parmesano e balsámico de módena. Unha tosta que leva aparellada a entrega da chaquetilla de chef oficial do certame e a posibilidade de encabezar o cartel de promoción da seguinte edición.

O Bocado do Monte da xamonería ‘Catro Camiños’ obtivo un total de 556.5 votos, o que lle otorgou o segundo posto e, finalmente a tosta de Mencía e Figos de ‘Terra, Uva e Cebada’ con 496 papeletas, ocupou o terceiro lugar. Ambos recibiron un diploma acreditativo.

O acto de entrega dos galardóns celebrouse este martes e nel o rexedor, Paco Ferreira, agradeceu o esforzo e gran traballo que está a facer a hostalería de Gondomar “nestes momentos difíciles que nos están tocando vivir a todos e todas” e nos que, asegurou, “o noso goberno estará ao voso lado promovendo axudas e iniciativas que permitan que esta travesía sexa máis fácil para todo o sector”.

Así lembrou que recentemente se aprobou unha partida de 100.000 euros para axudas directas a hostalería e o sector do taxi ás que se suman ideas como este Concurso de Tostas de Outono que “tiña como obxectivo fomentar o consumo nos establecementos de Gondomar que concursaban, xa que os usuarios que votaron entraban nun sorteo no que os gañadores serían premiados con vales de 200 euros, 100 e 50 euros que deberán gastar nos establecementos gañadores”.

No acto de entrega tamén estiveron os clientes premiados que obtiveron 200 euros, 100 e 50 euros en vales que poderán utilizar en concepto de cea, comida e xantar nos tres establecementos que accederon ás mellores puntuacións, isto é os 200 euros corresponden ao primeiro premio, os 100 ao segundo e os 50 ao terceiro.

O alcalde Paco Ferreira destacou a gran acollida que tivo esta primeira edición do Concurso de Tosta de Outono de Gondomar no que participaron preto dunha quincena de establecementos cunha oferta variada e orixinal, e expuxo a súa confianza en que o próximo ano este número de participantes crezca.