14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaMultiúsos-Mercado de Sabarís "un exemplo da recuperación do espazo público para as...

    Multiúsos-Mercado de Sabarís “un exemplo da recuperación do espazo público para as persoas”

    O novo recinto multicultural foi posible cun investimento de máis de 600.000 euros do Plan Concellos da Deputación, ata o momento a maior inversión que Baiona levou a cabo ao abeiro do plan provincial

    “Un espazo cheo de vida, de vangarda, de cultura e de luz que abre as súas portas mostrando como si é posible facer actuacións sobresaíntes, pensadas co obxectivo de recuperar o espazo público para as persoas”. Así se pronunciou esta tarde a presidenta da Deputación, Carmela Silva, nos actos de inauguración do novo Multiusos-Mercado de Sabarís, en Baiona. Acompañada do alcalde Carlos Gómez, da corporación municipal, do deputado de Cooperación Santos Héctor, e de colectivos e asociacións de Sabarís, a presidenta provincial coñeceu os detalles dunha actuación moi esperada, que permitiu recuperar o inmoble como punto de encontro cultural e de relación cidadá, comercial e social. O proxecto foi financiado integramente co Plan Concellos da Deputación con 629.200€, a maior inversión que ata o momento Baiona levou a cabo ao abeiro deste plan provincial. O acto de inauguración, que contou coa actuación musica do cantautor Valentín Dacova que interpretou varios temas, comezou co descubrimento dunha placa conmemorativa da apertura dun “espazo multicultural de referencia no municipio, para uso e goce de toda a cidadanía”.

    Carmela Silva: “Recuperar o patrimonio, darlle uso público e cultural é apostar polo futuro, unha forma de entender o futuro no que as persoas están no centro de todo”

    Na súa intervención, Carmela Silva puxo en valor a recuperación do edificio, “recuperar a súa estética, recuperalo para a xente, para a cultura, e convertelo nun punto de encontro para a cidadanía de Baiona, de toda a provincia, de Galicia e de todas as persoas que nos visitan”. “É un investimento moi importante, dixo a presidenta provincial, pero iso non é o importante. Recuperar o patrimonio, darlle uso público e cultural é apostar polo futuro, unha forma de entender o futuro no que as persoas están no centro de todo, e na que se pensan os proxectos para darlle mais valor, si cabe, a un pobo tan fermoso como o de Baiona”

    Pola súa banda, o alcalde Carlos Gómez agradeceu á Deputación a aposta polo Plan Concellos que permite o desenvolvemento dunha actuación tan importante. “Falamos dun espazo inigualable co que damos un gran paso cara adiante en canto ao que vai ser o futuro da cultura en Baiona”. O alcalde subliñou que será de “moita axuda para conseguir desestacionalizar a chegada de visitantes e, amais, pon en valor unha parroquia tan importante para nós como é Sabarís”. Carlos Gómez rematou dando os parabéns ás veciñas e veciños da contorna porque, en definitiva e antes que nada, é un espazo para que o desfruten elas e eles”.

    Este emblemático edificio, de interese arquitectónico e catalogado dentro do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico do Concello de Baiona, formaba xunto con outro inmoble colindante o conxunto do mercado municipal. Grazas ás actuación desenvolvida déuselle un uso complementario ao comercial coa creación de espazos de carácter social como espazos de reunión, salas de actos e restauración. En definitiva, creouse un lugar no que a partir de agora se conxugarán actividades culturais, cidadás, sociais e comerciais. Ademais, con estes traballos recuperouse a estética exterior do edificio orixinal, abriuse o espazo cara a rúa con grandes xanelas, mellorouse a mobilidade e recuperouse o espazo público para a veciñanza.

    Co gallo do acto inaugural, o novo Multiusos acolleu a apertura da primeira exposición, unha mostra do escultor vigués Jose Morales, que consta de 11 pezas de gran formato realizadas case todas elas en fibra de vidro e unha de bronce, que poderá visitarse ata o 7 de xullo. Nela o público desfrutará, entre outras obras, dunha réplica da escultura do autor “Sempre Benéfica 1989” situada no Porto de Vigo, ou doutra réplica da escultura que Jose Morales realizou ao falecido motorista Dani Rivas que se atopa en Moaña.

    Un espazo cheo de cultura. Programación

    Tras a exposición de Morales o Multiusos-Mercado de Sabarís acollerá o X Mercado de arte, que levará a Baiona pintura, escultura e fotografía os 9, 10 e 11 de xullo. A continuación, entre o 15 e o 31 de xullo, Sandra Yinet Amelines exporá as súas pezas de grafito e acuarela. Esta última técnica tamén é empregada por Irene Corral, quen entre o 1 e o 15 de agosto amosará as súas obras de acuarela e os seus lenzos. Ao finalizar esta mostra, o espazo acollerá “Bicos da Nai”, unha visión poliédrica sobre a maternidade a través de fotografías en branco e negro. A exposición, de Mónica Castuera e Txiki Dacosta, poderá visitarse entre o 16 e o 31 de agosto. Para finalizar o verán, o Multiusos acollerá o Espazo Ñó!, entre o 1 e o 15 de setembro con fotografías, deseños e ilustracións de Cristina Grande, Silvia Álvarez e Olaya Fernández.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.