Escolares da localidade británica de Manchester navegaron este luns pola baía de Baiona grazas ao ofrecemento do Monte Real Club de Iates. Os alumnos e alumnas, de entre 10 e 11 anos de idade, atópanse estes días de visita no Val Miñor con motivo dun intercambio lingüístico co Colexio de Educación Infantil e Primaria Humberto Juanes de Nigrán. ‘From Manchester to Nigrán’ é unha actividade que ambos os municipios consolidaron co paso do tempo, e que neste 2019 cumpre a súa décimo quinta edición.
Nesta ocasión, ademais de manter algunhas das actividades que viñan realizando en anos anteriores, como xogos populares, unha marcha ciclista ou unha escapada ás Cíes, os alumnos puideron achegarse por primeira vez ao deporte da vela.
Fixérono da man dos adestradores do Monte Real, que lles ofreceron tanto a eles como aos alumnos de Nigrán que participan no intercambio, unha serie de coñecementos básicos para poder navegar a vela. Acompañáronlles, ademais, na
súa primeira experiencia náutica, da que gozaron a bordo dos veleiros do club.
A praia da Barbeira e as augas máis próximas ao club foron o escenario da yincana de probas que se lles preparou aos pequenos nunha mañá na que a meteoroloxía lles acompañou, brindándolles unha xornada de sol e moi boas temperaturas.
O CEIP Humberto Juanes, próximo á Casa Consistorial de Nigrán, é o colexio máis numeroso do municipio, con preto de 400 estudantes. Neste intercambio cos nenos e nenas do Saint John’ s Primary School de Manchester participan os alumnos de quinto e sexto de primaria.
Tras a actividade de vela realizada no Monte Real, os participantes no intercambio despediranse esta tarde no cámping de Baiona, onde os estudantes británicos durmirán a súa última noite no Val Miñor antes de regresar, mañá martes, a Manchester.
Completarase así unha nova edición, a décimo quinta xa, do ‘From Manchester to Nigrán’, unha actividade que se desenvolveu cunha gran implicación por parte da comunidade educativa de ambos os centros escolares, na que sumaron tamén o seu granito de area os concellos de Nigrán e Baiona, a Xunta de Galicia e entidades como o Monte Real Club de Iates.