Mércores, 11 Decembro de 2024

Novembro encherá Redondela de bolboretas no mes da eliminación da violencia contra a muller, en memoria das irmás Mirabal

As actividades, que terán o seu día central o 25 de novembro, desenvolveranse todo o mes coa finalidade de chegar a toda a cidadanía e que esta se involucre na erradicación desta lacra social

O Concello de Redondela desenvolverá, ao longo do mes de novembro, unha serie de actividades con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, que se celebra o 25 de novembro e no que o Goberno local quere involucrar á cidadanía “porque só a acción conxunta de todos e todas, conseguirá a eliminación desta lacra social”, dixo a alcaldesa de Redondela e concelleira de Igualdade, Digna Rivas.

O Consello da Muller de Redondela, que na súa reunión da pasada semana elaboraba un borrador das actividades que se desenvolverán en novembro, recollía entre outras unha iniciativa da profesora de relixión católica do IES Mendiño, Almudena Suárez Cerviño, que propuña decorar a clase con bolboretas para honrar a memoria das irmás Mirabal, coñecidas como Las Mariposas, asasinadas un 25 de novembro e motivo polo que, esa data é internacionalmente recoñecida como o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller.

Con esta idea de base, no Consello da Muller acordouse ampliar o ámbito de actuación da iniciativa de xeito que bolboretas de papel adobíen os edificios municipais –mercados de abastos e instalacións educativas, de colectivos de mulleres e daquelas relacionadas coa terceira idade (como os centro de día Cortizos, Centro de día de Cesantes, Galeón, Arela) ou asociacións como Lenda, Andaina, AFAGA e o Centro sociocomunitario–. “Bolboretas que sirvan de chamada de atención permanente da necesidade de loitar por unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e máis decente”, afirmou alcaldesa redondelá.

Do mesmo xeito, carteis explicativos colocados en diversos lugares de Redondela, darán a coñecer quen eran Las Mariposas, a súa vida e loita contra a inxustiza social, e a súa morte, vilmente asasinadas, para que sexan un recordatorio permanente de dignidade e compromiso.

O programa presentado no Consello da Muller, busca tamén a participación activa dos centros de ensino do municipio dende o convencemento de que “a loita contra a violencia de xénero ten que comezar por fomentar a igualdade nos centros educativos”. Nesa liña proxectarase unha curtametraxe dirixida ao alumnado de 4º da ESO e que, debido as actual situación de emerxencia sanitaria, farase baixo o formato de videoconferencia.

O programa de actividades, que se dará a coñecer unha vez pechado definitivamente e que se desenvolverá durante todo este vindeiro mes de novembro, terá seu acto central o día 25, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller xornada na que están previstas diversas actividades que poñan en evidencia a barbarie que supón a violencia contra as mulleres.

As irmás Mirabal

Minerva, Patria e María Teresa Mirabal naceron en República Dominicana. Coñecidas co alcume de Las Mariposas participaban activamente na loita contra o gobernante dominicano Rafael Trujillo, sendo constantemente asediadas polas súas opinións e accións políticas e apresadas varias veces.

Por orde do ditador Trujillo, as irmás Mirabal foron asasinadas por un escuadrón que, tras interceptar o seu automóbil nunha estrada da provincia de Salcedo cando volvían de visitar aos seus maridos no cárcere, as matou a golpes e as colocou dentro do vehículo co fin de simular un accidente de tráfico. Nunca houbo dúbidas de que se trataba dun crime.

Minerva tiña 26 anos, Patria 30 e María Teresa 36. Sempre sospeitaron que estaban condenadas a morte. Minerva chegou a proclamar: Se me matan, sacarei os brazos da tumba e serei más forte!

A data na que foron atopados os seus corpos, 25 de novembro de 1960, converteuse na celebración internacional do Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, instaurado pola ONU en 1999.