15.1 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO IES Val do Tea abre a inscrición para o curso gratuíto...

    O IES Val do Tea abre a inscrición para o curso gratuíto de capacitación dixital para adultos

    O Instituto de Ensino Secundario Val do Tea de Ponteareas abre o prazo para inscribirse no curso de “capacitación dixital para as persoas adultas”. Implicados no fomento da aprendizaxe continua, o IES Val do Tea convida a toda a cidadanía a seguir formándose a través dun curso no que adquirir habilidades para relacionarnos coas distintas administracións con ferramentas electrónicas pero tamén para actualizar o noso curriculum e coñecementos.

    Avanzar na alfabetización dixital e facilitar o día a día das persoas son os obxectivos deste curso no que aprenderemos a xestionar citas médicas, realizar a declaración da renda ou obter unha clave PIN ou a chave 365 precisas para acceder ao sistema. Ademais, tomaremos contacto coa economía circular e adquiriremos soltura no manexo da banca electrónica. Entre os contidos do curso tamén está o emprego da informática no ámbito laboral, a navegación segura nas redes sociais ou a xestión de información na nube.

    Os recursos dixitais son unha importante ferramenta para axilizar xestións e relacionarnos as 24 horas coas distintas administracións públicas. Intuitivas e máis doadas do que semellan, permiten que calquera persoa poida a calquera hora dos sete días da semana realizar solicitudes ou tramitacións evitando desprazamentos e perda de tempo.

    Calquera idade é boa para seguir aprendendo, con esta premisa o IES Val do Tea convida a todas as persoas a realizar este curso de capacitación dixital co que obterán unha certificación europea. O centro anima a todas as persoas a actualizar os seus coñecementos e, especialmente,  ás nais e pais ou avós e avoas que aforrarán tempo á vez que acompañan o crecemento das súas fillas e fillos cun coñecemento máis profundo das posibilidades e riscos que ofrece a rede.

    Organizados en quendas de mañá e tarde o curso é gratuíto e as persoas interesadas deberán inscribirse ou de xeito presencial no centro educativo, ou no número de teléfono 886 110 513 ou a través do enderezo electrónico ies.val.do.tea@edu.xunta.gal

    As prazas para este curso, financiado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional co apoio dos fondos europeos Next Generation, son limitadas.

    No IES Val do Tea ofértase a Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO), bacharalato en distintas modalidades, Ensino Secundario para Adultos (ESA) e alberga unha sección da Escola Oficial de Idiomas.

    Con esta nova iniciativa o IES Val do Tea contribúe na redución da fenda dixital e amosa o seu compromiso co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, ODS, concretamente co novo obxectivo de educación mundial ODS 4: Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas e todos (Organización de las Naciones Unidas para la Cultura, las Ciencias y la Educación, UNESCO 20230).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.