Nestes tempos en que o sector cultural está a atravesar un momento realmente difícil, o Concello da Vila do Tea, que sempre apostou por facer actividades totalmente seguras, vén de manter o seu compromiso coa Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e de incrementar a contía total en 4000 euros máis.
Deste modo, de o permitiren as normas sanitarias, regresarán, nos vindeiros meses, aos escenarios municipais os espectáculos de danza, teatro, maxia e música profesionais do país. Ademais, a Concellaría de Cultura vén de escoller, para o primeiro semestre, tres propostas teatrais vinculadas directamente co concello. Por unha banda, estará a obra Clausura do amor, galardoada cos premios ao mellor espectáculo e á mellor actriz -á ponteareá Teté García- no Fetega Teatro Galego 2020. Outro dos espectáculos escollidos é O rapaz da última fila, obra escrita por Juan Mayorga -premio Max 2008- e na que participa o gulansés Rubén Porto. E, para completar o semestre, O meu mundo non é deste reino, a obra gañadora da 1ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais -que convoca anualmente a Casa-Museo Manuel María e no que colabora, entre outros concellos, o de Ponteareas- e do Premio María Casares a Mellor Adaptación de 2020.
“Levabamos un tempo a solicitarlle á AGADIC un incremento de crédito para poder aumentar a oferta cultural profesional de Ponteareas, unha vez que a contía que se lle concedía ao noso municipio era inferior a outros que teñen menos habitantes” comenta o concelleiro da área Cultura Fernando Groba Bouza. “Ademais de mantermos e de mellorarmos o noso compromiso coas artes escénicas do país, neste primeiro semestre, traeremos tres propostas que, para alén de posuíren un currículo espectacular, teñen todas un vínculo especial con Ponteareas. En dúas delas, participan veciñas e veciños nosos que dan fe do noso saber facer no panorama das artes escénicas e, coa outra, confirmamos un compromiso institucional que non desmerece en calidade” indica o edil nacionalista.