16.7 C
Pontevedra
Mércores, 8 de Maio de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO «Calendario Galego de Ponteareas» descobre recunchos máxicos da súa paisaxe

    O «Calendario Galego de Ponteareas» descobre recunchos máxicos da súa paisaxe

    A concellería de Cultura anima a veciñas e veciños a participar no acto de presentación este sábado ás 18 horas no salón de plenos da Casa do Concello

    A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, vén de animar á veciñanza á participación no acto de presentación do ‘Calendario Galego de Ponteareas’ este sábado día 21 ás 18 horas no salón de plenos da Casa do Concello, un calendario froito da escolma fotográfica realizada polo xurado do concurso de fotografía convocado para o deseño deste calendario que nos acompañará ao longo do ano 2020.

    Trece fotógrafas/os agasallan nas páxinas do calendario un total de 17 fotografías a todos e a todas nós para nos lembrar que Ponteareas agocha recunchos máxicos e fermosos ocultos debaixo da nosa misteriosa néboa ou nas frondosas beiras dos nosos ríos.

    O Calendario Galego de Ponteareas para o 2020 non só nos descobre a beleza da nosa paisaxe e a importancia do noso patrimonio, ademais quere render homenaxe ás e aos músicos da nosa vila que a través das distintas agrupacións, coros e grupos levan o noso nome por todo o mundo e en cada evento no que participan dentro do noso concello e fóra.

    A partir do sábado o calendario estará a disposición da cidadanía na casa do concello, na biblioteca municipal sita na Perillana e nas casas e centros culturais parroquias.

    Fernando Groba explica que o Calendario Galego de Ponteareas recordará durante todo o ano a importancia da nosa bagaxe cultural.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.