Sábado, 8 Febreiro de 2025

Carmela Silva visita as obras do Centro Cultural de Rubiós

A ampliación deste equipamento cultural das Neves foi financiada integramente pola Deputación, ao abeiro do Plan de Reequilbrio e o Plan Concellos, cun investimento de 401.435 euros

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou o sábado 28 de setembro as obras para a ampliación do Centro Cultural de Rubiós, no concello das Neves, uns traballos que permitirán reforzar o uso destas instalacións para actividades culturais diversas e adaptalo para as necesidades contemporáneas. Trátase dun proxecto financiado pola institución provincial, ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos 2018-2019, no que o investimento final foi de 401.435 euros.

A obra enmárcase, como destacou Silva, no compromiso da Deputación para mellorar as infraestruturas culturais, dentro do obxectivo global de potenciar o equilibrio territorial entre os concellos da provincia, “porque os e as cidadáns dos concellos da provincia, vivan onde vivan, teñen as mesmas necesidades e os mesmos dereitos”.

[su_image_carousel source=”media: 6807,6805,6806″ crop=”16:9″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Máis polo miúdo, as obras consistiron na construción dun novo volume anexo ao centro polo escenario, con destino a camerino e almacén, cun acceso independente ao edificio e que serve de complemento ao salón de actos. Tamén se habilitou un novo corredor que posibilitará no futuro a unión do vestíbulo do centro cultural coa antiga casa dos mestres e co novo volume dos camerinos, mellorando a accesibilidade entre ambos espazos. E, no eixo deste corredor, habilitáronse tres novas salas polivalentes. O conxunto ten tamén un novo acceso polo norte, cunha parcela que se acondicionou como aparcamento.

O novo edificio dotacional desenvólvese nunha única planta, dun xeito funcional e accesible. Os novos volumes foron executados en formigón armado visto, con grandes panos acristalados que matizan as unións entre eles. A ampliación permite así mesmo que o conxunto urbanizado se entenda como un área de equipamentos, a través da nova imaxe de conxunto e o tratamento exterior dos novos accesos e a relación destes co espazo público.