O Equipo de Goberno de Salceda (Movemento Salceda e PSOE) lamentaron a actitude “pouco colaboradora” do Partido Popular de Salceda ante a solicitude de cambio de data do Pleno ordinario que se celebrará este venres 25 de outubro, e que non incluirá puntos na parte resolutiva da orde do día. Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, cualificou a postura dos populares de “irresponsable” e asegurou que “decidiron non colaborar coa acción de goberno antepoñendo os seus intereses aos intereses da veciñanza”.
O Goberno local explicou que nesta semana rematan os períodos de exposición pública dos Orzamentos Municipais, o Regulamento de Honras e Distincións e o Regulamento Orgánico Municipal (ROM), polo que o equipo de goberno trasladoulle ao PP a intención de aprazar o Pleno ordinario dúas semanas “para poder introducir a aprobación definitiva destes tres puntos e evitar así a celebración dun Pleno extraordinario, que supón un esforzo tanto económico como administrativo para o Concello”.
Porén, asegura o executivo que preside Loli Castiñeira, o Partido Popular “aproveitou a ocasión para respostar con unha chantaxe ao Goberno Municipal, pedindo a inclusión de novos puntos a maiores, materialmente imposibles de realizar no período de 15 días proposto”, co agravante, engade o Goberno local, “de pedir a inclusión de temas responsabilidade dunha Concelleira que se atopa de baixa laboral”.
Os grupos de goberno “lamentaron a actitude irresponsable” do Partido Popular que, afirman, “prefire manter un Pleno ordinario baleiro na súa parte resolutiva sabendo que iso conleva a celebración dun Pleno extraordinario, co custo administrativo como económico que supón para o Concello”.
Cómpre salientar que a celebración de cada Pleno supón retribucións para cada un dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e tan só para un concelleiro do Equipo de Goberno que non ten adicación, polo que esta negativa “pode atender a fins exclusivamente económicos”, afirma o executivo local.
Dende MS e PSOE solicítanlle ao PP que “en vez de adicarlle tanto tempo á campaña electoral das xerais dedíquense a facer o seu traballo de oposición en Salceda en tempo e forma, pois para iso os elexiron os veciños e veciñas”.