Sábado, 3 Maio de 2025

Nova vida para os antigos colexios de Salceda de Caselas

Proponse destinar os edificio a usos socioculturais

O Equipo de Goberno de Salceda levará ao Pleno ordinario do mes de decembro a proposta de afectación das antigas escolas de Revolta, Budiño, Picoña e San Xurxo para destinalas a usos sociocomunitarios unha vez que todas elas obtiveron o visto bo da Xunta de Galicia para desafectalas do uso educativo.

A medida, sinalaba a concelleira de Urbanismo, Verónica Tourón “é unha excelente oportunidade para destinar uns edificios educativos en desuso a actividades sociais e favorecer así a numerosos colectivos que poidan facer uso dos mesmos”.

No caso da antiga escola de Vendanova, na parroquia de San Xurxo, o edificio está xa en fase de rehabilitación para ser destinado a centro de actividades para persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas, en coordinación con AFAGA que traballa actualmente con este colectivo no Centro Social da Devesa.

O obxectivo do Equipo de Goberno (MS e PSOE) é poder destinar estes edificios a diferentes usos sociocomunitarios que se irán definindo en contacto coa veciñanza e os colectivos de cada una das parroquias, tendo en conta as diferentes necesidades ou propostas que poidan presentarse.

As dúas forzas políticas que forman o goberno de Salceda recollían nos seus respectivos programas electorais propostas semellantes para este tipo de edificacións, polo que o libro de ruta se está a levar a cabo de xeito conxunto coincidindo na maioría das propostas.

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, salientaba a “grande demanda” que ten Salceda en materia de espazos sociocomunitarios, unha demanda que ven dada, sinalaba Castiñeira “polo grande dinamismo asociativo co que contamos, polo que estudiaremos todas aquelas alternativas que poidan favorecer a estes colectivos que tanto enriquecen o noso municipio”.