O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, continúa coa rolda de xuntanzas coas asociacións veciñais e culturais do municipio. A última delas, foi con representantes da Asociación Cultural “A Forna” de Budiño, á que asistiu acompañado polos concelleiros Bienvenido Estévez e José Carlos González.
As principais reclamacións da directiva da asociación pasan por unha mellora das instalacións e equipamentos do Centro Cultural de A Forna que presenta unha evidente falta de mantemento, co conseguinte perxuizo que iso supón para os usuarios e usuarias.
O Alcalde comprometeuse a executar con inmediatez as demandas máis urxentes, entre as que se atopan o arranxo ou substitución da cadeira salvaescaleiras, o problema de humidades que presentan varias salas do centro e material necesario para poder levar a cabo as actividades que se desenvolven no mesmo.
“O compromiso deste goberno e o meu persoal coas asociacións das parroquias e do centro é rotundo”, explicou Lorenzo, “Iso inclúe tamén a mellora dos espazos públicos dos que fan uso. O estado de abandono no que se atopan moitos deles, que impide que poidan desenvolver a súa actividade en condicións óptimas, require que marquemos prioridades e identifiquemos todas e cada unha das súas necesidades para poder dar resposta a todas elas”.
O rexedor reiterou que se reunirá con todas e cada unha das asociacións e colectivos do Porriño. “Contamos cun amplo e rico tecido asociativo e imos escoitalas a todas e atender as súas demandas”, concluíu Lorenzo avanzando que, “Estamos traballando xa para pechar os convenios anuais e formalizalos nas próximas semanas a fin de que poidan programar e desenvolver a súa actividade e comezar os cursos que imparten”.
Pola súa banda, o edil de Cultura, Asociacións e Parroquias, Bienvenido Estévez manifestou a súa intención de “potenciar a actividade das asociacións e o importante labor que desenvolven coa veciñanza, promover a colaboración entre elas e co Concello para poner en valor e afianzar o asociacionismo porriñés”.