O Salón de Sesións do Concello acolleu esta semana a recepción á bailarina mosense Patricia Martínez logo de proclamarse Campioa de España Profesional Standard 2019. Na recepción, Patricia estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; as concelleiras de Deportes e Cultura, Begoña Toucedo e Sara Cebreiro, respectivamente, e demais membros do equipo de Goberno local e membros da Corporación Municipal.
Con este, Patricia suma xa 15 títulos de Campioa de España de Baile Deportivo: 14 en categoría Amateur e este último, o primeiro en categoría Profesional acadado no campionato desenvolvido en Guadalaxara durante o Shanish Open.
[su_image_carousel source=”media: 10162,10163,10164,10166″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
O día anterior, o sábado 7 de decembro, Martínez e a súa parella de baile disputaron en Ferrara, Italia, unha competición internacional onde conseguiron o 5° posto na final. Grazas a ese 5º posto sumaron os puntos suficientes para clasificarse dentro das 20 mellores parellas do mundo segundo o ranking mundial.
Actualmente en España a Categoría Profesional está formada por 3 parellas da Modalidade Standard e 5 parellas da Modalidade Latinos. Sobre a súa participación no Campionato nacional a bailarina mosense declarou que “a pesar de que bailar o Campionato de España non estaba nos nosos plans, xa que só levamos 4 meses bailando, pero como a Federación insistiu moito na nosa participación, finalmente decidimos participar, e pola miña banda foi moi gratificante volver bailar no meu país e máis aínda volver traer o ouro para Mos”.
Patricia Martínez é unha das atletas con mellor carreira deportiva do territorio español.